A RAG celebra este domingo en Santiago de Compostela o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas de Begoña Caamaño

O acto central da gran festa da cultura galega terá lugar no Teatro Principal da capital galega (12 horas). Contará coas alocucións académicas de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. Sofía Espiñeira encargarase da música ao vivo. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

A Real Academia Galega celebrará este domingo o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que lle dedica a Begoña Caamaño (1964-2014) no Teatro Principal de Santiago (12:00 horas). O acto central do 17 de maio, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, contará coas alocucións académicas sobre a figura e a obra da escritora e xornalista a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. O presidente da institución, Henrique Monteagudo, pechará a sesión, á que lle porá a música Sofía Espiñeira. A celebración, organizada co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, poderá seguirse tamén en directo na web da RAG (academia.gal) e na súa canle de Youtube.

A gran festa da cultura galega naceu en 1963. A Real Academia Galega elixiu como homenaxeada para aquela primeira edición a Rosalía de Castro, a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, cadrando co centenario da publicación de Follas novas. Un ano despois nacía en Vigo Begoña Caamaño, a protagonista deste 17 de maio. Como escritora, o seu debut foi tardío, aos 45 anos de idade, e a súa carreira viuse truncada polo seu prematuro falecemento por mor dun cancro cando acababa de facer os 50. Pero as dúas novelas que publicou, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle(2012), merecen un lugar destacado nas letras galegas contemporáneas, tanto polo seu talle literario e lingüístico e a súa amenidade coma pola capacidade de reflexión sobre os grandes temas universais, dende o amor, a liberdade e a morte ata cuestións éticas, políticas e sociais. 

Ambas as obras teñen en común a reescritura de mitos dende unha perspectiva feminista, a primeira partindo da Odisea e a segunda das lendas do ciclo artúrico. Sobre os temas que quixo abordar nelas e as súas fontes de inspiración reflexiona a propia autora en Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, a edición conmemorativa da RAG coa que será agasallado o público que asista ao pleno extraordinario, que pode descargarse xa na sección de publicacións de academia.gal.

Pero as Letras Galegas non só celebran a Begoña Caamaño escritora. Tamén reivindican a súa coidada palabra como xornalista comprometida co rigor, a honestidade e a lingua galega, desde os seus inicios profesionais en Vigo, onde traballou en Radio Noroeste e Radio Popular de Vigo antes de pasar á delegación da Radio Galega. Caamañoincorporouse en 1992 á redacción central da emisora pública, un cambio que marcou o comezo da súa etapa como veciña de Santiago de Compostela. Neste novo tempo profesional destacan, alén da súa participación no Diario Cultural, as súas achegas como como directora, redactora e locutora dos programas Andando a TerraClub Cultura eExpreso de Medianoite, dispoñibles na plataforma de Agalega.

Divulgación na Rede: do documental ao primeiro videopódcast da RAG

Tras o pleno do 17 de maio, a programación presencial das Letras Galegas 2026 continuará en outono en Vigo, que acollerá o simposio da RAG dedicado á autora. Pero alén dos actos, a Academia está a reforzar a divulgación na Rede cunha serie de contidos dispoñibles na sección que lle dedica en academia.gal e tamén na canle de Youtube, no caso dos audiovisuais. No documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azulofrece un retrato da autora  tecido por amizades e especialistas na súa obra, en diálogocoas súas propias novelas, dramatizadas en cápsulas que contaron, entre outras colaboracións, coa da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. 

A serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño e o primeiro videopódcast da RAG, Colchas de voces, no que se abordan asuntos que preocuparon e ocuparon a Begoña Caamaño escritora e xornalista, a activista e a amiga, son outras das propostas orientadas a conectar sobre todo coa mocidade e os formatos máis anovadores. As convidadas do primeiro episodio son as integrantes do dúo musical Fillas de Cassandra, que comparten con Begoña Caamaño a súa revisión feminista e creativa da mitoloxía clásica.

O público infantil é o destinatario de Primavera das Letras. Na web do proxecto pode descargarse o texto teatral, para ler e representar dentro e fóra das aulas, Uuu-uuu, BEGOÑA!, da escritora viguesa An Alfaya e ilustrado por Laura Romero. No mesmo espazo ofrécense outros contidos divulgativos, actividades interactivas ou fichas para colorear. Canto ao Portal das Palabras, tamén ofrece contidos sobre o noso léxico arredor do mundo de Begoña Caamaño.

Comparte éste artículo
No hay comentarios