O Celta é un equipo de contrastes. Un maior armario e unha mellor rotación mudaría esta imaxe por outra máis sólida. Dous arranques potentes, con gol en cada un de Jutglá, foron rebaixados por un Levante que igualou dúas veces os tantos psicolóxicos e foi quen de anotar un terceiro. O máis baixo, no corazón da área, cabeceou un saque de esquina sen que o Celta apertara o gatillo dos antiaéreos. Mal partido do Celta no contexto dunha boa temporada na que chegou a soñar coa Champions’, pero na que sigue mantendo o de xogar no continente por segundo ano consecutivo
Comezar ben e acabar cantando
O Celta comezou o partido con intensidade e meticulosidade. En catro minutos sumaba un cincuenta por cento de acertos con dous pases de gol de Iago Aspas. Ao minuto, Ryan tapou o man a man con Fer López, pero no catro, Jutglà atopou o buraco polo carreiro do 10 para cruzar o 1-0.
A partir de aí o Celta foi unha sombra. O Levante pasou a ter o control da pelota e como Espí non era quen de superar a proximidade de marca de Yoel, comezou a probar disparos desde fóra da área de xeito intermitente.
Giráldez colocaba e recolocaba para que o equipo non perdera as distancias, pero cando o seu equipo dispuña da pelota era tan lento, que o Levante deixara de sufrir.
Arriaga, e sobre todo Olasagasti, eran os donos da faixa central. Afortunadamente, Pablo Martínez non entraba na engranaxe para facer dano.
A tres minutos do descanso, Arriaga xutou por segunda vez desde lonxe un balón relativamente fácil para Radu, pero o romanés despexou cara á rede e o Levante marchou aos vestiarios empatado.
Puido ser peor. No 45, o hondureño volveu tentalo, pero desta vez a pelota pasou perto do pau.
Se falta Moriba ninguén fai trincheiras
O comezo do segundo tempo semellou ao do primeiro. O Celta adiantouse axiña nunha xogada pola dereita. Javi Rueda tirou o desmarque para un pase vertical, achegouse até o lateral da área granota e serviu un centro paralelo á liña de gol no que Jutgla só tivo que empurrar a pelota.
Parecía que o Celta non ía volver a aletargarse, pero nunha mala saída de Hugo Álvarez, De la Fuente recolleu a pelota e, desde 35 metros, foi abrindo un disparo que entrou pola escuadra da meta de Radu.
Pouco despois, e co Levante máis confiado, chegou a virada definitiva. Brugui, que levaba uns minutos no campo, cabeceou á rede con facilidade un saque de esquina desde a esquerda de Radu. Só Javi Rueda saltou, o resto de celestes foron espectadores privilexiados para ver como o máis baixo gañaba un balón aéreo.
O resto foi un querer e non poder. As substitucións non funcionaron. A defensa volveu quedar en evidencia nunha saída de Yoel. Losada roubou, cedeu a Espí, que abriu á dereita para a colada de Brugui, que non celebrou o segundo porque o disparo bateu na escuadra.
O partido trabouse cara ao final. O Celta tentouno con máis forza que cualidade táctica e coa derrota, o Levante sae das posicións de descenso ao tempo que o cadro galego apaga o soño de xogar a Champions’.
Ficha
MARTES 12/05/2026 (19,00) Campo: BALAÍDOS (19.185)
R.C. CELTA : 2 – LEVANTE U.D. : 3 (1‑1)
CEL : Radu; Javi Rodríguez, Yoel, Marcos Alonso; Javi Rueda (Borja Iglesias 66′), Fer López, Hugo Sotelo (Mingueza 76′), Sergio; Iago Aspas (Pablo Durán 66′), Hugo Álvarez (Swedberg 66′), Jutglà (El-Abdellaoui 76′). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Núñez; Aidoo; Manu; Carlos Domínguez; Ristić; Antañón).
LEV : Ryan; Toljan, De la Fuente, Moreno, Pampín (Manu Sánchez 77′); Arriaga, Olasagasti, Pablo Martínez (Raghouber 61′); Víctor (Brugui 61′), Espí (Iván Romero 86’), Tunde (Losada D). Tre. Luís Castro. (Banco: Campos (g); Nacho Pérez; Etta Eyong; Matturro; Abed; Oriol Rey; Morales).
Goles: 1-0 Jutglà 4’; 1-1 Arriaga 43’; 2-1 Jutglà 48’; 2-2 De la Fuente 57’; 2-3 Brugui 63’.
Árbitro: Cordero Vega (Cantabria). Auxiliares: Bárcena Rodríguez e Romano García. 4º árb.: Gil Soriano.
VAR: Del Cerro Grande. AVAR: Milla