Últimos días para votar polo próximo ‘Cociñeiro/a Galego/a 2026’

O certame ‘Cociñeiro/a Galego/a 2026’ encara a súa recta final cos últimos días de votacións abertas ao público, que poderá votar polo seu preferido ata as 24.00 horas do domingo, 17 de maio, na web www.galiciaforumgastronomico.com, onde xa hai preto de 5.000 votos rexistrados.

Escaparate do talento emerxente, o certame estrea este ano periodicidade anual ao celebrarse por primeira vez fóra do marco de Galicia Fórum Gastronómico, o evento no que naceu en 2014 como indicador da evolución da cociña galega e co obxectivo de premiar o labor de restaurantes “con menos de tres anos de traxectoria, aposten polo uso de produtos de proximidade, unha cociña sostible e a difusión destes valores”.

Nesta ocasión os finalistas son Mar Lago e Álex Martínez (Bacelo, Ferrol, A Coruña), Antón Castro (Casa Gaibor, Guitiriz, Lugo), Andrés Torreiro (D’Obra, Melide, A Coruña), Marcos S. Area (é restaurante, Marín, Pontevedra), e Antonio Novas (Trasmallo, Pontevedra), elixidos por un xurado formado por profesionais do sector.

Os chefs dos cinco establecementos seleccionados participarán na final cociñando ante o público nunha gala prevista para o próximo 26 de maio, ás 19.00 horas, no Auditorio Mar de Vigo, onde se elixirá ao gañador. O mesmo que en anteriores edicións, o premio decidirase mediante un sistema mixto que combina, a partes iguais, o voto do público e a valoración dun xurado profesional.

O Premio Cociñeiro Galego conta coa colaboración da Paisaxe que sabe a través da Deputación da Coruña; Xunta de Galicia a través de Agacal; Cervezas 1906 e o patrocinio de Gadis e Sammic.

En anteriores edicións, os gañadores foron Diego López (La Molinera, Lalín), Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide, A Coruña), Jorge Gago (A Maceta, Santiago), Alén Tarrío (Pampín, Santiago), Moncho Méndez (Millo, A Coruña), Begoña Vázquez, de O Regueiro da Cova en Verín, e Víctor Basante, de Arrueiro, en Laxe.

FINALISTAS 2026

Mar Lago e Álex Martínez (Bacelo, Ferrol, A Coruña)

Tras anos traballando en distintos restaurantes, ambos abriron Bacelo en Ferrol. A súa cociña céntrase no produto galego de proximidade e tempada, reinterpretando receitas tradicionais para compartir e combinando sabores locais con influencias actuais e suxerencias segundo mercado.

Antón Castro (Casa Gaibor, Guitiriz, Lugo)

Representa a nova xeración de Casa Gaibor, negocio familiar fundado en 1950. Tras formarse e traballar con chefs recoñecidos, modernizou o local mantendo a súa esencia tradicional. A súa proposta combina clásicos galegos con elaboracións actuais centradas no produto, especialmente ingredientes do mar.

Andrés Torreiro (D’Obra, Melide, A Coruña)

Cociñeiro formado xunto a referentes como Javi Olleros e Andoni Luis Aduriz. En D’Obra desenvolve unha cociña galega contemporánea e creativa, moi vinculada o territorio, onde reinterpreta o receitario tradicional con técnicas modernas e unha marcada influencia dos seus mestres.

Marcos S. Area (é restaurante, Marín, Pontevedra)

Chef formado en Pontevedra con experiencia internacional que regresou a Galicia para crear é restaurante sobre a antiga casa familiar de pescadores. A súa proposta aposta por unha cociña galega contemporánea, baseada en produto local e de tempada, cunha experiencia coidada que une tradición, artesanía e vangarda.

Antonio Novas ‘Tonivas’ (Trasmallo, Pontevedra)

Chef de raíces mariñeiras e familia de pescadores que dirixe Trasmallo en Pontevedra. A súa cociña rende homenaxe aos sabores da infancia e á tradición pesqueira galega, reinterpretando receitas populares con creatividade e dando protagonismo a peixes humildes e pouco valorados.

Comparte éste artículo
No hay comentarios