Carme da Silva leva ao Senado a demanda dunha reforma integral da N-541 en Cerdedo Cotobade para mellorar a seguranza viaria

A senadora do BNG propón unha auditoría integral da vía e actuacións urxentes en puntos especialmente perigosos: Calvelo, Tenorio ou Santa María de Sacos.

O Bloque Nacionalista Galego levará á Comisión de Transportes e Mobilidade Sustentábel do Senado unha iniciativa para reclamar ao Goberno do Estado unha reforma integral da N-541 ao seu paso polo concello de Cerdedo Cotobade, co obxectivo de mellorar de maneira urxente a seguranza viaria nun dos tramos máis perigosos do Estado.

A moción será debatida a vindeira segunda feira, 18 de maio, e defendida pola senadora do BNG Carme da Silva Méndez, quen buscará o apoio do resto dos grupos para impulsar actuacións “reais e definitivas” nun vial que leva anos acumulando accidentes e reclamacións veciñais sen resposta suficiente por parte do Ministerio.

A senadora do BNG lembra que a N-541 figura reiteradamente entre as estradas con maior risco de sinistralidade do Estado debido ao seu trazado sinuoso, á intensidade do tráfico e á ausencia de medidas integrais de seguranza. Denuncia, ademais, que os sucesivos gobernos teñen optado por actuacións puntuais “claramente insuficientes” frente á necesidade dunha intervención global.

Na súa iniciativa, o BNG reclama, en primeiro lugar, a realización dunha auditoría integral da seguranza viaria da N-541 ao seu paso por Cerdedo Cotobade para identificar todas as deficiencias existentes e planificar actuacións permanentes que garantan a seguranza das persoas usuarias e da veciñanza.

A moción inclúe tamén un paquete de medidas concretas demandadas historicamente polos veciños e veciñas da zona, entre as que destacan a reposición integral do asfaltado con firme antideslizante e mellora dos peraltes das curvas, a instalación de medidas de acougado do tráfico na entrada de Cerdedo e unha mellora xeral da iluminación nos treitos máis perigosos da vía.

Carme da Silva Méndez solicita igualmente a construción dunha pasarela peonil en Calvelo para permitir cruzar a estrada con seguridade, así como un carril de incorporación no punto quilométrico 84, dirección Ourense, a urbanización da contorna da marquesiña e a creación dunha vía ciclista e peonil até o río Tenorio.

Entre as actuacións reclamadas polo BNG, recollidas das demandas veciñais, figura tamén a execución dun paso inferior peonil en Tenorio para conectar o Centro de Saúde coa farmacia, a mellora dos accesos a Cutián e ao lugar de Cádavo, así como a adaptación da N-541 como travesía ao seu paso polos diferentes núcleos de poboación do municipio.

Para o BNG, “non se pode seguir actuando con pequenas reparacións temporais nunha estrada que acumula accidentes graves e onde existe unha demanda social e institucional clara para acometer unha reforma integral”. A formación nacionalista considera que as actuacións propostas “non supoñen investimentos desproporcionados” e permitirían mellorar de maneira significativa a seguranza viaria e a calidade de vida da veciñanza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios