O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participa nas Festas da Ascensión de Santiago de Compostela e enxalza o labor e responsabilidade coa cidade e a súa veciñanza do PP local a un ano das eleccións municipais. Recordou que os populares, que gañaron os pasados comicios, fixeron estes tres anos “un importante traballo na oposición, coñecendo ás necesidades reais da cidade”.
As eleccións son “un reto” que Rueda sitúa como “clave” para seguir traballando no proxecto do PPdeG, o que será aínda máis forte para superar con éxito os próximos ciclos electorais e para que a veciñanza siga confiando “no partido que máis se parece aos galegos e galegas”.
O número un do PPdeG participou hoxe nas tradicionais Festas da Ascensión da cidade, acompañado pola secretaria xeral do partido, Paula Prado; o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, e o presidente do PP de Santiago de Compostela, Borja Verea, así como por diferentes concelleiros e representantes do partido a nivel local e provincial. Un ano máis, o presidente tildou a cita como “unha tradición”, algo que “é moi importante conservar”.
Durante o percorrido realizado pola Alameda compostelá, o líder dos populares galegos recibiu numerosas mostras de afecto por parte das persoas que se achegaron ata este emblemático punto da capital para desfrutar dos festexos. A todas elas o presidente quixo corresponder reiterándolle o seu compromiso con Galicia e con Santiago de Compostela, a través da “boa política”, que caracteriza ao PPdeG cos valores de estabilidade, xestión e ‘sentidiño’, e que augura que serán os que sigan referendando os galegos nas urnas.
O presidente tamén puxo en valor o traballo que está desenvolvendo Borja Verea á fronte do PP local xunto co seu equipo. Precisamente, a todos eles quixo agradecerlles o seu labor diario poñendo o foco nos problemas reais dos veciños e facendo fronte á mala xestión do nacionalismo e do actual goberno municipal. “Cada vez máis persoas son conscientes da parálise que vive a cidade, polo que este ano seguiremos traballando para que no 2027 Borja Verea sexa o alcalde de Santiago”, concluíu.