Santa Clara “voa”: dous minutos bastan para esgotar as visitas da Deputación de Pontevedra

. A Deputación de Pontevedra cubriu en dous minutos as prazas para o programa de visitas guiadas ao convento de Santa Clara, que terá lugar os domingos 17, 24 e 31 de maio e 7 e 14 de xuño. A inscrición abriuse ás 9:00 h de hoxe a través da web do Museo, e ás 9:02 xa estaban completas as 100 prazas dispoñibles, 20 en cada visita.

As visitas consistirán nunha aproximación á historia do convento mentres se percorre a igrexa, o coro baixo, a sancristía e parte da horta. Será un percorrido de aproximadamente 1 hora de duración, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra. Na visita non se inclúen as dependencias conventuais, o xardín do claustro nin a parte da horta afectada polas catas arqueolóxicas.

Fundado a finais do século XIII, o convento de Santa Clara é un conxunto de edificacións e espazos exteriores que cobren unha área de máis de 12.000 m² no centro de Pontevedra. Foi fogar de monxas clarisas ata 2017. En 2021 adquiriuno o Concello, que en xaneiro de 2023 o cedeu á Deputación de Pontevedra, converténdose na sétima sede do Museo de Pontevedra.

Estas visitas guiadas forman parte da programación do Museo de Pontevedra polo Día Internacional dos Museos, que se celebra cada ano o 18 de maio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios