A Biblioteca Ángela Ruiz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo,será o escenario da sexta sesión do ciclo “Faladoiros Literarios” que impulsa o Concello de Ferrol xunto coa Universidade da Coruña (UDC)..
Os poetas Xulio López Valcárcel e Medos Romero serán os protagonistas, o próximo martes 19 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ángela Ruiz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol, da sexta sesión dos “Faladoiros Literarios”, un ciclo de conversas promovido polo Concello de Ferrol en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC).
Xulio López Valcárcel (Lugo, 1953) é poeta e narrador. De xeito individual, e na súa faceta de poeta, ten publicado Véspera do día (Follas Novas, 1979), Alba de auga sonámbula (Edicións Celta, 1983), Solaina da ausencia (Editorial Vía Láctea, 1987), O Sol entre os dedos (Edicións do Castro, 1993), Memoria de agosto (Deputación da Coruña, 1993), En voz baixa (Edicións Esquío, 2002) e Casa última (Espiral Maior, 2003).
A súa obra está recollida en varias antoloxías, entre elas, Desde a palabra, doce voces de Luciano Rodríguez (1986), Escolma da Poesía galega de hoxe (Colección Visor, 1991), Los caminos de la voz, seis poetas gallegos de hoy(Colección Mailot Amarillo, 1995) e Poesía Gallega Contemporánea (EdicionesLitoral, 1996). Do mesmo xeito, é autor de diversos traballos sobre arte e literatura e dos libros de relatos Anel de Mel (Editorial Vía Láctea, 1991) e Campo de Marte (Espiral Maior, 1999).
Ao longo da súa traxectoria formou parte dos colectivos Cravo Fondo e De amor e Desamor, así como do consello de redacción da revista cultural Luzesde Galiza. Foi Premio Nacional de Poesía para menores de 25 anos, Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago (1979), Premio Antonio Tovar(1993), Premio de Poesía Miguel Ángel González Garcés (1993) e Premio da Crítica Española de Poesía en Lingua Galega (1994 e 2004).
Medos Romero (As Pontes, 1959) é poeta e narradora. Ten publicado un total de 13 libros de poesía, entre eles, Lenzo das madrugadoras (Follas Novas, 2003), O pozo da ferida (Deputación da Coruña, 2006),) A ansia do lóstrego(Follas Novas, 2012), Hortensia (Medulia, 2020) ou O sol era ela (Xunta de Galicia & Centro Pen&Afudación, 2021). A súa poesía foi recollida na Antoloxía de mulleres do século XX (Universidade de San Petersburgo, 2004).
Na súa faceta como narradora publicou Dubido se matei a Lena (Xerais, 2000) e O trevo da sorte (Baía Edicións, 2003). Foi Premio de Poesía Miguel González Garcés (2006), Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas (2019), Premio de Poesía Afundación (2021) e Premio da Crítica Española de Poesía en Lingua Galega (2022). Ao longo da súa traxectoria ten colaborado nasrevistas culturais A Xanela e na Festa da Palabra Silenciada.
A directora do xornal dixital Ferrol 360, Alicia Seoane, conducirá un faladoiro aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. As persoas que desexen asistir deberán inscribirse, de xeito totalmente gratuíto, enviando un correo electrónico a vcfrs@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3800 antes das 14:00 horas do luns 18 de maio.