Profesorado do Campus Industrial de Ferrol presenta os seus avances no proxecto europeo sobre enerxía eólica mariña SHOREWINNER

A representación española complétase co Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR), a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dependente da Xunta de Galicia, e a consultora medioambiental tinerfeña Aquatera Atlántico SL.

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu, a primeira hora desta mañá, un evento dirixido a profesorado e a alumnado de ciclos de Formación Profesional (FP) e de Universidade, así como ao tecido empresarial da contorna, no que se presentaron os principais avances e oportunidades de colaboración do Proxecto Europeo Erasmus+ SouthernEuropean Community for Offshore Wind Energy (SHOREWINNER) que coordina, na Universidade da Coruña (UDC), o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Félix Orjales. 

O programa da xornada incluíu tamén a presentación do Centro de Excelencia de Formación Profesional de España (CoVE) e unha mesa de análise e de debate centrada nas Enerxías Renovables Mariñas (ERM) na que participaron o xerente e responsable de Negocio Internacional de MAISVENTO, Francisco José Cruz, e o HV Lead en Global Wind Service, José Luis García. A media mañá, as persoas asistentes ao evento trasladáronse ata o CIFP Ferrolterraonde puideron coñecer, de primeira man, as capacidades deste centro educativo para formar á futura forza laboral do sector da enerxía eólica mariña. 

Impulsando a creación dun ciclo de FP en Europa que responda ás necesidades formativas do territorio e ás demandas do mercado laboral

O Proxecto Europeo Erasmus+ Southern European Community for OffshoreWind Energy (SHOREWINNER) é unha iniciativa de innovación docente que pretende crear e desenvolver unha comunidade de cooperación internacional entre cinco países do sur de Europa, todos eles cunha alta potencialidade no eido da enerxía eólica mariña, co obxectivo de impulsar a creación dun ciclo de formación profesional que responda ás necesidades de formación destes territorios e ás demandas do mercado laboral.

O Instituto Politécnico do Porto lidera un proxecto no que participan distintas universidades, institucións e empresas de Chipre, Grecia, Italia, Portugal e de España baixo o paraugas da Comisión Europea (CE). A representación española nesta comunidade de cooperación internacional está encabezada pola Universidade da Coruña (UDC), o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR), a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dependente da Xunta de Galicia, e a consultora medioambiental tinerfeña Aquatera Atlántico SL. Xunto a eles, tamén participan neste proxecto europeo o CIFP Ferrolterra, de Ferrol; o CIFP Valentín Paz Andrade, de Vigo; e o IES Universidade Laboral e o Centro de Innovación Docente de FP Eduardo Barreiros, de Ourense.

O Proxecto Europeo Eramus+ SHOREWINNER conta cun orzamento total de 3.980.424 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 329.915 euros para levar a cabo a súa parte do proxecto. Está previsto que esta iniciativa de innovación docente remate a comezos de 2028, logo de case catro anos de intenso traballo conxunto e de colaboración.

Comparte éste artículo
No hay comentarios