Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia (17 de maio)

As entidades Fundación 26 de Diciembre, LesCoruña, CASCO, Corufest e Palestra reclamamos que a diversidade sexual e de xénero se integre nas políticas públicas de envellecemento, saúde, educación, cultura e inclusión social.

Con motivo do Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia, que se conmemora o 17 de maio, as entidades convocantes —Fundación 26 de Diciembre, LesCoruña, CASCO, Corufest e Palestra— saímos ás rúas para reafirmar o noso compromiso coa defensa dos dereitos humanos, da diversidade e da dignidade de todas as persoas LGBTI+.

Nesta data conmemoramos a decisión histórica da Organización Mundial da Saúde de eliminar a homosexualidade da lista de enfermidades mentais en 1990. Porén, décadas despois, a LGBTI+fobia continúa presente nas nosas sociedades, nas nosas institucións e tamén nas nosas vidas cotiás.

A día de hoxe, en numerosos países do mundo as persoas LGBTI+ seguen sufrindo persecución, criminalización, violencia e mesmo condenas de morte pola súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero e características sexuais. A defensa dos dereitos LGBTI+ continúa sendo unha cuestión urxente de dereitos humanos.

Mais non é necesario mirar tan lonxe para atopar discriminación. Aquí tamén seguimos sufrindo agresións, discursos de odio, invisibilización e desigualdades estruturais. A LGBTI+fobia continúa presente nos centros educativos, nos espazos de ocio, nos medios de comunicación, no ámbito laboral, nos servizos sanitarios e sociais e tamén nas redes sociais, onde os discursos reaccionarios medran perigosamente.

Especialmente preocupante é a situación da mocidade LGBTI+, que segue sufrindo acoso e discriminación nos centros educativos. Moitas persoas novas continúan medrando en contornas inseguras, marcadas polo medo, o silencio e a falta de referentes. Defender unha educación afectivo-sexual integral, diversa e inclusiva é unha ferramenta fundamental para construír sociedades máis libres e xustas.

Neste ano internacional da visibilidade intersex, queremos denunciar con firmeza as vulneracións de dereitos humanos que seguen sufrindo as persoas intersex. Durante décadas realizáronse intervencións médicas innecesarias e non consentidas sobre corpos intersexuais co único obxectivo de encaixalos en modelos binarios de sexo e xénero. Reclamamos o dereito á autonomía corporal, ao consentimento informado e ao recoñecemento pleno das persoas intersex como parte da diversidade humana.

Do mesmo xeito, reiteramos o noso compromiso coas persoas trans, especialmente nun contexto de crecente violencia política, mediática e social cara ás súas vidas. As persoas trans teñen dereito a vivir con liberdade, seguridade e dignidade, sen cuestionamentos nin discursos que neguen a súa existencia. Defender os dereitos trans é defender os dereitos humanos.

Queremos tamén poñer no centro ás mulleres lesbianas e bisexuais, historicamente invisibilizadas incluso dentro do propio movemento. As mulleres LB continúan sufrindo discriminación específica derivada da combinación do machismo e da LGBTI+fobia, especialmente en ámbitos como a saúde, o emprego, a cultura ou a representación pública. É imprescindible construír espazos feministas e LGBTI+ verdadeiramente inclusivos e diversos.

Neste día queremos facer unha mención especial ás persoas maiores LGBTI+, moitas delas superviventes da persecución, da criminalización e da invisibilidade institucional. As persoas maiores LGBTI+ afrontan múltiples discriminacións nas que conflúen o idadismo e a LGBTI+fobia, con impacto directo na súa saúde, benestar e acceso a recursos, coidados e servizos.

A soidade non desexada e o illamento afectan de maneira especialmente grave ás persoas maiores LGBTI+, moitas das cales continúan ocultando a súa identidade por medo ao rexeitamento ou á discriminación, especialmente en contornas residenciais ou asistenciais. Ningunha persoa debería volver ao armario para poder recibir coidados.

Por iso reclamamos formación obrigatoria e continuada en diversidade sexual, de xénero e familiar para todas as persoas profesionais dos servizos sociais, sanitarios e educativos; a creación de espazos seguros libres de discriminación; e a incorporación efectiva da diversidade LGBTI+ nas políticas públicas de envellecemento, saúde, educación e inclusión social.

Reclamamos tamén medidas eficaces contra os delitos de odio, recursos suficientes para a atención integral das vítimas, políticas públicas baseadas nos dereitos humanos e un compromiso firme das institucións fronte aos discursos de odio e á extrema dereita, que pretenden recortar dereitos conquistados grazas á loita colectiva de tantas persoas.

Hoxe lembramos tamén a todas aquelas persoas LGBTI+ que foron perseguidas, agredidas, encarceradas ou asasinadas simplemente por existir. A súa memoria acompáñanos e obríganos a continuar defendendo unha sociedade onde todas as persoas poidan vivir con liberdade, igualdade e dignidade.

Porque os dereitos LGBTI+ son dereitos humanos.

Porque fronte ao odio, máis comunidade.

Porque fronte ao medo, máis orgullo.

E porque non daremos nin un paso atrás.

Viva a diversidade.

Vivan os dereitos humanos. Viva a loita LGBTI

Comparte éste artículo
No hay comentarios