“Hoxe queremos reivindicar ás mulleres do mar. Ás que estiveron sempre aínda que o seu papel non sempre fora visible para a sociedade”. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou así o obxectivo da conmemoración do Día Internacional da Muller no Sector Marítimo que a Administración provincial organizou no Coliseo Noela, de Noia, en colaboración con Anmupesca.
Formoso clausurou un encontro que contou coa participación de destacadas representantes do sector e durante o que se entregaron recoñecementos a tres mulleres pola súa traxectoria no mundo do mar: Dolores Gómez Ordóñez, fundadora de Mulleres Salgadas e que representa “a capacidade de organizarse e abrir camiño”; Amalia González, vicepatroa da Confraría de Camariñas, polo seu liderado, “conquistado desde abaixo, desde o traballo diario”, e Mercedes Silva, Totakeki, “que representa algo tan necesario como a capacidade de contar o mar coa linguaxe de hoxe e levar o orgullo da pesca e o marisqueo ás novas xeracións”. “Son tres mulleres distintas, tres xeitos de facer recoñecer o mesmo, a dignidade das mulleres do mar”, subliñou.
Na súa intervención, sinalou que a provincia “non se entende sen as lonxas, as conserveiras, as redeiras, as bateas, as mariscadoras… Sen todas esas mulleres que sostiveron unha parte esencial da nosa economía e que recibiron menos recoñecemento do que merecían”.
Valentín González Formoso salientou o traballo que impulsou a Deputación en colaboración con Anmupesca para elaborar o Mapa das Mulleres da Pesca, que viu a luz hai dous anos para proporcionar “unha fotografía nítida desa realidade”. “Grazas a el sabemos que máis de 6.000 mulleres traballan na cadea de valora da pesca na provincia e que representan o 42 % do sector, e que no marisqueo a pé e nas redeiras a presenza feminina é de máis do 95 %, pero o máis importante non son as cifras, senón o que demostran, que sen mulleres non hai sector do mar”.
O presidente provincial expresou, por outra banda, a preocupación “pola realidade que vive o sector, que non é boa”. Por ese motivo, nun momento “moi difícil”, quixo facer súas “as reivindicacións que saíron da Mesa Interinstitucional do Mar de Noia, que preside o alcalde, Fran Pérez”. Nese senso, defendeu que a mesa “non é un instrumento de confrontación política”. Pola contra, afirmou que ten “un obxectivo claro: buscar solucións conxuntas a un problema que afecta a miles de persoas”.
En relación con esa problemática, insistiu na necesidade de analizar as causas da situación con estudos científicos “rigorosos”, pero tamén establecer protocolos para o desembalsamento de auga nos ríos, “investir de verdade en saneamento e depuración” e, no que atinxe esa comarca en concreto, impulsar un programa “de valorización e promoción do Berberecho de Noia, unha marca propia que merece ser posta en valor”.
Formoso dixo tamén que “non é aceptable” que as axudas de 700 euros anunciadas pola Xunta para mariscadoras que non poden faenar “queden en menos de 400 euros despois de cotas á Seguridade Social”, e pediulle ao Goberno “que volva estar á altura do que xa fixo cando recoñeceu a dureza do marisqueo co coeficiente redutor do 0,15 para adiantar a xubilación. Que agora dea tamén unha resposta inmediata e exima ás mariscadoras de pagar cotas mentres non teñen ingresos”.
O presidente da Deputación recordou que, aínda que a institución provincial non ten competencias directas en pesca e marisqueo, “ten unha responsabilidade institucional coa provincia, cos concellos e coas persoas”. Por iso, apuntou, ao inicio deste mandato se decidiu crear unha área específica de Mar e Agro, e por iso a Deputación apoia cada ano con máis de medio millón de euros ás confrarías e ás agrupacións de mariscadoras, a través de axudas para contratar persoal, modernizar os equipamentos e promover os produtos do mar.
Formoso concluíu cunha “mensaxe clara” da Deputación: “Recoñecemento, si; orgullo, si; homenaxe, si; pero tamén defensa do sector, compromiso coa ría e esixencia de solucións”.
Debate sobre “o pasado, o presente e o futuro” das mulleres no mar
O alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, abriu un acto no que a presidenta de Anmupesca, Pilar Otero González ofreceu un relatorio no que analizou a presenza da muller en toda a cadea de valor. Nese senso, reivindicou a contribución do traballo feminino ata o presente e de cara ao futuro do sector.
Pérez Caamaño agradeceulle á Deputación que elixise Noia para celebrar a xornada e trasladoulles ás mulleres do mar o seu recoñecemento e o do Concello. Por outra banda, insistiu no compromiso da Administración local “coa rexeneración e o saneamento da ría.
A xornada, que presentou a periodista Marta Doviro e tamén contou coa presenza da monologuista Marita Martínez sobre o escenario en diversos momentos da mañá, continuou cunha mesa redonda na que se analizaron “Pasado, presente e futuro” das mulleres no mar. Nela participaron a vicepresidenta de Mulleres Salgadas, Celia Herbón Dieste; a directora técnica de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa Carril, e a investigadora e docente da Universidade da Coruña Iria Caamaño Franco. Por parte da Federación Galega de Redeiras Artesás interveu Rosa Pardo Campaña, e da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros e Noia, Ángeles Piñeiro Santos. O coloquio afondou, entre outros temas, na situación do sector e nas perspectivas sobre a produción e o relevo xeracional.