Despois de varios anos denunciando en solitario as carencias que ten que padecer o persoal do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Pontevedra, e ante a pasividade do Concello ante a obrigatoriedade de dar cumprimentos aos requirimentos da Inspección de Traballo e dos Servizos de Prevención, desde a sección sindical da CNT no Concello interpúxose unha demanda de conflito colectivo.
Neste conflito a sección demanda que se garantice a xornada laboral establecida e se facilite a vida laboral e familiar, que se facilite unha formación adecuada en materia de PRL, que se facilite a participación do persoal na mellora dos procedementos de traballo e, sobre todo, que se aumente o cadro de persoal para garantizar un traballo seguro para os bombeiros e para a cidadanía que necesita dos seus servizos.
Inicialmente, o Concello accedeu someters a unha mediación para poder resolver negociadamente e con garantías definitivas de cumprimento unha situación de tal gravidade e que se leva alongando durante demasiados anos. Finalmente, o Concello non aceptou ningunha proposta nin das realizadas polo sindicato nin das realizados polo inspector de traballo que actuaba como mediador. Tampouco propuxo ningunha medida alternativa, simplemente limitouse a negarse a poñer remedio a todas as graves carencias que padece o persoal do SEIS.
Dende a CNT continúase o proceso na vía xudicial, e ao mesmo tempo anúnciase que se interporá un novo conflito colectivo en materia de prevención de riscos. Esta evz trátase dun novo incumprimento por parte do Concello duns requirimentos da Inspección de Traballo que os obrigan a avaliar as funcións de emerxencias dos bombeiros e a desenvolver protocolos de traballo seguro para os mesmos. Agora será novamente o Concello o que teña que amosar cal é a súa actitude ante a seguridade laboral do persoal do SEIS, se o compromiso ou o desprezo até que se produza algún accidente sen remedio.