O empate a nada entre Racing e Osasuna B condena aos navarros ao descenso

O feche de exercicio na Malata acabou en dobre malestar. No canto local, polos asubíos cos que foi despedido un equipo frustrante, que puido despedir a liga cunha nova derrota se Dani non mandara un penalti ao traveseiro, e no canto visitante porque o punto, unido aos outros resultados, condenaron ao cadro “rojillo” ao descenso a Segunda Federación.

Na Malata non se marcan penaltis

Ao mellor é cuestión do lugar, pero é certo que o Racing foi un puro desastre no apartado dos lanzamentos de penaltis, na Malata, e fóra. Sen embargo, puidera ser que o cambio climático teña unha incidencia especial sobre os disparos desde os once metros no recheo e tamén os visitantes sexan vítimas dunha mala influencia.
O Osasuna B necesitaba gañar e esperar. Non lle foi boa ningunha das dúas circunstancias, malia que para mellorar a primeira, contara cun penalti antes da media hora. Outra parvada de centrais, neste caso Edgar, quen aliviado polo erro no lanzamento osasunista, desculpouse polo erro coa bancada.
O central que veu do que chaman “La fábrica”, entrou sen ton nin son a outro central, Espejo, que ía a recuperar un balón xunto á liña de fondo. Dani mandou o disparo desde os once metros ao traveseiro.
Antes diso, un xute afastado de Álvaro chapado por Rafa, o meta visitante, unha estirada de Lucas para salvar o gol nun disparo de Arroyo, e dous xutes altos de Jairo, co pé, e de Pascu, coa testa, fora o máis destacado do primeiro cuarto de hora.
Tras o penalti a prol do Osasuna B houbo outro para o Racing no minuto 35, pero Bueno Prieto foi ao monitor e rectificou a decisión.
Arroyo tampouco foi quen de aproveitar un libre directo pegadiño á frontal. Superou por uns cantos metros a barreira racinguista e o marco defendido por Lucas.

Que remate isto, por favor

O segundo tempo comezou cunha cabezada de Dani. Lucas, unha das mellores descubertas da parte final da Liga, volveu facer unha gran parada para que o Racing mantivera aberto o “soño” do 0-0.
Concha é Edgar deben de agradecer a Guillermo Fernández que os quitara na intimidade do vestiario para evitarlles saber o que deles pensa o racinguismo. Jairo e Pascu xa saben que rematan a campaña con suspenso e Fabio, co bater de palmas, soubo do desexo para que quede en Ferrol.
O Racing, grazas ás intermitentes habelencias de Dacosta, tivo a súa primeira ocasión do novo acto cando o reloxo acariñaba a hora. Controlou diante dun mal colocado Auria e cedeu a Álvaro, cuxo xute axustado chapouno Rafa.
Leal volveu demostrar varias veces que é lateral porque alguén o colocou na posición e colou para o resto da humanidade. Desaxustado nas marcas, permitiu a chegada de Chasco, superior na maior parte dos duelos de parellas verticais, pero ao centro do ex canteirán pucelano non chegou Yoldi, quen no salto sentiu como a brisa que acompañaba a pelota secoulle o suor da fronte.
Quen tiña que arriscar era o Osasuna B, a quen tampouco se lle daban a maior parte dos resultados. As substitucións empeoraron aos vermellos, que comezaron a vivir os seus peores instantes logo do minuto 68, cando unha cabezada polo centro de Álvaro acabou embolsada por Rafa.
Sorpresa sería marchar da Malata cun gol de Azkune. O vasco rozouno nun disparo en condución, que non chegou a controlar pola potencia do centro, pero mandou a pelota a rentes do pau. O atacante invernal tívoa más fácil na seguinte, ao atopar na área un balón solto para encarar ao meta. Encarar, encarou, pero Rafa sacoulla sen atrancos cunha saída para reducirlle o espazo.
A parte final do partido foi do Osasuna B. Os navarros, desesperados, sentindo o cheiro axofrado do descenso, tentárono por última vez, pero toparon con Lucas nos tres últimos disparos.
O de Pedroarena, á contra, en condución, chapouno o meta lanzándose á súa esquerda. No polongamento, repetiu co xute colocado de Bonel. Finalmente, nunha translación do ataque desde a esquerda á dereita, tamén chapou o segundo disparo de Pedroarena.
O remate foi con asubíos do racinguismo para o Racing, tras dúas campañas e media de de proselitismo de ficción. No Osasuna B houbo sentada de abatemento, logo de saberen que no próximo exercicio correran pola Segunda Federación.

Ficha

DOMINGO 17/05/2026 (17,00) Campo: A MALATA (3.350)
RACING C. FERROL : 0 – C. AT. OSASUNA B : 0 (0‑0)

RAC : Lucas; Leal, Edgar (Zalaya D), Chema, Álvaro Ramón; Fabio (Gorostidi 80’), Jairo (Azkune 53’), Tejera; Pascu (Álvaro Juan 73’), Álvaro, Concha (Dacosta D). Tre. Guillermo Fernández. (Banco: Parera (g); César (g); Artetxe; Saúl; Azael; Tavares; Escobar).
OSA : Rafa; Lucero, Auria, Espejo (Pedroarena 68’), Santos, Chasco; Manu Rico, Mauro, Yoldi; Arroyo (Lumbreras 83’), Dani (Bonel 68’). Tre. Santi Castillejo. (Banco: Stamatakis (g); Efremov; Bruno; Larrión; Serrano; Mikel).
Goles:
Árbitro: Bueno Prieto (Madrid). Auxiliares: Jiménez Rivero e Martín Redondo. 4º árb.: Sahelices Puga.
Disciplina: CA: Tejera 39’; Mauro 45’; Zalaya 56’; Fabio 78’; Santos 81’; Álvaro Ramón 86’; Manu Rico 88’; Álvaro Juan 89’; Gorostidi 90’.

Foto: O Racing e a soidade. Tejera, só, rodeado de inimigos. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios