CCOO Lugo esixe o reforzo urxente do 061 e pide aos concellos do PP que «non calen» ante o colapso do servizo

CCOO de Lugo vén de rexistrar nos concellos gobernados polo PP, de Lugo, Guntín, Portomarín, Rábade, Outeiro de Rei e Friol unha solicitude formal para reclamar á Xunta de Galicia a ampliación urxente dos recursos do 061 na área centro da provincia.

O sindicato busca implicar ás administracións locais nun problema que considera xa “grave, estrutural e perigoso” para a atención sanitaria de máis de 144.000 veciños e veciñas que dependen actualmente duns recursos claramente insuficientes.

Na actualidade, toda esta área conta unicamente con dúas ambulancias asistenciais e unha soa ambulancia medicalizada para cubrir emerxencias sanitarias durante as 24 horas do día. Unha situación que, segundo denuncia CCOO, provoca continuamente avisos en espera e demoras asistenciais por falta de medios dispoñibles.

Desde o sindicato advirten que “o máis grave é que Lugo segue cos mesmos recursos sanitarios de emerxencias que no ano 1998, malia o enorme aumento da poboación, do envellecemento e da presión asistencial”.

CCOO considera “absolutamente intolerable” que a Xunta continúe sen reforzar un servizo esencial do que dependen situacións críticas como infartos, ictus, accidentes graves ou emerxencias en persoas maiores.

“Estamos falando de vidas humanas. Non se pode normalizar que existan colas de avisos porque non hai ambulancias suficientes. Cada minuto que se perde nunha emerxencia pode marcar diferenzas irreversibles”, sinalan desde a organización sindical.

CCOO considera que a próxima licitación do transporte sanitario terrestre é unha oportunidade clave para corrixir esta situación e incorporar, como mínimo, unha nova ambulancia asistencial operativa as 24 horas.

O sindicato fai ademais un chamamento directo aos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados para que “deixen de mirar cara outro lado” e se posicionen con claridade na defensa dun servizo sanitario digno para a veciñanza.

“Os concellos non poden permanecer calados mentres a cidadanía sofre una situación de saturación permanente nas emerxencias sanitarias. É o momento de esixir responsabilidades e defender os intereses da provincia de Lugo por riba de siglas e silencios políticos”, advirten desde CCOO.

Finalmente, desde a organización sindical anuncian que continuarán impulsando iniciativas institucionais e públicas ata conseguir un reforzo real dos recursos do 061, porque “o abandono sanitariopor parte da Xunta, que sofre Lugo non pode seguir converténdose en algo normal”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios