Rubén Arroxo traslada á veciñanza de Lugo unha mensaxe de agradecemento e compromiso co futuro da cidade

 O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, remitiu unha carta aberta ás veciñas e veciños de Lugo que será distribuída nos fogares da cidade nos próximos días e na que agradece o apoio recibido durante os últimos anos, reafirmando o compromiso do Bloque coa cidade e co seu futuro.

Na carta, Arroxo destaca que “poder servir a Lugo durante estes sete anos foi un enorme orgullo” e agradece “a colaboración, a boa acollida e a aposta” da cidadanía polo proxecto do BNG á fronte do Concello.

O portavoz nacionalista subliña tamén o vínculo emocional e persoal que mantén coa cidade, asegurando que “poucas cousas hai tan gratificantes como poder traballar cada día polo concello no que naciches, no que te criaches e no que queres poder vivir sempre”.

Arroxo fai referencia tamén á situación política vivida nas últimas semanas, lembrando que “vós decidistes co voso voto en maio do 2023 que continuase o goberno que estaba a gobernar Lugo”, e lamenta que “o Partido Popular decidise levar adiante unha operación de transfuguismo, aproveitándose das desgrazas humanas que aconteceron neste mandato”.

A través desta carta, Rubén Arroxo quixo trasladar unha mensaxe de optimismo e continuidade no traballo político do BNG: “Esteamos onde esteamos, imos seguir traballando para que Lugo siga avanzando”. Ademais, puxo en valor os pasos acadados na cidade durante estes anos, asegurando que os avances na cidade foron importantísimos.

Arroxo aproveita tamén para pedir desculpas “por calquera erro que puidésemos cometer”, subliñando que desde o Goberno municipal “sempre intentamos facer todo coa máxima ilusión pola nosa cidade”. Finalmente, o portavoz do BNG remata a súa mensaxe reafirmando o compromiso do Bloque coa veciñanza e co futuro de Lugo: “Aquí estamos para o que precisedes” e “nun ano, co voso apoio, estaremos de volta para que Lugo siga a camiñar cara adiante”.

Esta carta faise pública na véspera da asemblea na que Rubén Arroxo será nomeado candidato do BNG á alcaldía de Lugo nas próximas eleccións municipais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios