O PP denuncia o abandono do Goberno Sánchez na A-54 e reclama solucións polos desprendementos nos tramos en servizo

. Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- veñen de rexistrar no Senado unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno de España para esixir explicacións polos desprendementos e incidencias detectadas nos taludes laterais da A-54 entre Lugo e Santiago, así como polas actuacións previstas para estabilizar a infraestrutura e recuperar a normalidade do tráfico.

Os populares advirten da “preocupación” existente entre os usuarios desta vía ante os problemas de seguridade viaria e as continuas molestias derivadas dos cortes de carrís e restricións á circulación provocadas polos desprendementos de terra en distintos puntos dos tramos xa en servizo.

Neste sentido, os senadores lembran que “as medidas de emerxencia, a sinalización provisional e as limitacións ao tráfico levan demasiado tempo instaladas”, algo que consideran “inaceptable” nunha autovía de alta capacidade chamada a converterse nun eixo estratéxico para Galicia.

“O Goberno de Sánchez leva anos acumulando atrasos, incumprimentos e promesas sen cumprir coa A-54. Pero o máis grave é que agora tampouco está garantindo un mantemento e conservación adecuados nos tramos xa abertos ao tráfico”, denuncian.

Os representantes lucenses do PP consideran que a situación actual evidencia “o abandono ao que o Executivo socialista somete ás infraestruturas da provincia de Lugo”, e reprochan que “a incapacidade do Goberno para rematar definitivamente a autovía se vexa agora acompañada de problemas de conservación que afectan directamente á seguridade dos condutores”.

“A A-54 é unha infraestrutura fundamental para vertebrar o interior de Galicia e conectar Lugo con Santiago en condicións de seguridade e competitividade. Pero, o Goberno converteuna nun símbolo dos atrasos e da falta de compromiso coa provincia de Lugo”, conclúen.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios