Besteiro atribúe ao Goberno central o “cambio de ciclo” dos estaleiros galegos

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, situou na entrada de Navalia o sector naval galego como exemplo de recuperación económica e atribuíu o seu actual momento de forza á aposta do Goberno socialista. Aproveitou tamén a comparecencia para responder ás críticas de Alfonso Rueda pola súa ausencia no pleno do Parlamento e acúsao de utilizar a imputación do presidente José Luis Rodríguez Zapatero como cortina de fume política.

Besteiro visitou esta mañá o IFEVI, onde se celebra ata mañá  a décima edición de Navalia, a feira internacional da industria naval que reúne en Vigo a máis de seiscentos expositores e preto de mil douscentos marcas chegadas de todo o mundo. Unha cita bienal que se consolida como a principal do sector en España e referencia en Europa.

“O sector deixa atrás etapas anteriores de crise. É a imaxe clara da recuperación dos estaleiros privados aquí na provincia de Pontevedra, en Vigo, e os asteleiros públicos en Ferrol e Fene”, sinalou o secretario xeral socialista, que enmarcou ese cambio de ciclo nas políticas impulsadas dende Moncloa.

Besteiro referiuse de forma expresa ás axudas dos PERTE para a dixitalización dos estaleiros e a sustentabilidade ambiental, e tamén aos incentivos financeiros á construción de buques. “Foi un impulso definitivo. Unha aposta clara do Goberno socialista por potenciar o sector naval”, resumiu. E engadiu un dato político de fondo: a recuperación non foi casual.

Para o secretario xeral, Navalia é hoxe «a bandeira cara o exterior do noso sector naval», un escaparate de estaleiros «moi competitivos, fortemente tecnolóxicos», cunha aportación de coñecemento que vai máis alá da actividade industrial. Esa lectura encaixa, dixo, coa marca de Vigo: «Esa apertura de Galicia ao mundo, o desenvolvemento económico e o sector económico potente que temos aquí».

Sobre as críticas de Rueda

O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista remarcou que “algunhas forzas políticas quérenme calado e quieto. Calado, porque cómpre lembrar que onte un acordo do PP e do BNG impediu que eu cumprise co meu deber de cuestionar e debater con Rueda na sesión de control. E quieto, porque non lles gustou que estivese en Lugo e en Ourense defendendo a Galicia interior, esa que Rueda ten abandonada. Defendendo unha nova mobilidade e a mellora das conexións ferroviarias para as dúas provincias; unhas melloras que agora esixiremos á Xunta que complemente cun mellor transporte por autobús”.

“Mellorar o benestar da cidadanía debería ser  o cometido do presidente da Xunta, non o de  intentar manexar a miña axenda nin a axenda dos socialistas”, añadiu.

Besteiro foi un paso máis aló e cargou contra o que considera unha estratexia de distracción. “O Partido Popular está profundamente nervioso. Pensaba que isto ía ser unha vantaxe e non o vai ser”. Lembrou a oposición do PP no ano 93 e marcou as distancias coa actual: “Aquela era unha oposición que aspiraba a gobernar. Esta é unha oposición vergoñenta, que xa pide eleccións anticipadas con calquera escusa”.

Sobre a imputación de Zapatero

O secretario xeral do PSdeG  reafirmou a súa posición sobre a imputación do expresidente Rodríguez Zapatero no caso Plus Ultra. “Confío na xustiza. Confío na presunción de inocencia. E digo aquí, hoxe, que creo en Zapatero e creo a Zapatero”.

Reivindicou o legado do seu Goberno e “as súas iniciativas sociais”, e advertiu de que utilizar un procedemento xudicial nun momento inicial para extraer rendibilidade política “é un erro”.

“Hai que respectar a xustiza. Deixala traballar. E respectar a presunción de inocencia, que nos ampara a todos. Tamén a José Luis Rodríguez Zapatero. E eu podo falar largo e tendido sobre este tema”, sentenciou. Para Besteiro, o nerviosismo do PP exprésase tamén nese “recadiño” enviado onte pedindo eleccións anticipadas. “Mandar unha cousa que non ten nada que ver para reivindicar que haxa eleccións xa. A oposición do PP é, nese sentido, vergoñenta”.

Besteiro visitou a décima edición de Navalia, que se celebra no recinto feiral IFEVI do 19 ao 21 de maio, acompañado polo secretario provincial do PSdeG e delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades, e os deputados Patricia Iglesias e Carlos López Font, e a concelleira Elena Espinosa.

A feira reúne preto de mil douscentos marcas e expositores de máis de setenta países, e consolídase como referencia internacional na construción naval, a innovación tecnolóxica e a sustentabilidade do sector.

Comparte éste artículo
No hay comentarios