O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, criticou hoxe que o Goberno de Candia “pretenda atribuírse méritos alleos” co proxecto para conectar a nova estación intermodal co Centro Histórico de Lugo mediante un sistema de rampas e ascensores, cando se trata dunha iniciativa “deseñada, impulsada e deixada encamiñada polo anterior Goberno socialista dentro da estratexia Novo Norte que lle da continuidade ao paso de cidade que conecta os barrios da zona leste”.
Fernández cualificou de “inadmisible” o que definiu como “un proceso constante de vampirización política” por parte do actual Executivo local. “O PP leva semanas intentando apropiarse de proxectos que non ideou, non planificou e nos que non traballou. O último exemplo é esta conexión estratéxica entre a intermodal e o centro da cidade, que naceu do modelo urbano desenvolvido polo anterior Goberno socialista”, afirmou.
O portavoz municipal explicou que durante o seu mandato quedou encamiñado o procedemento para a obtención dos terreos necesarios para executar esta actuación, tras acordar con ADIF incorporar o proceso mediante unha addenda ao convenio xa existente para o desenvolvemento da estación intermodal, do que forman parte ambas administracións.
“Optamos por esta vía porque era a máis rápida e eficaz para reducir prazos administrativos e acelerar a execución dun proxecto fundamental para a transformación urbana de Lugo”, sinalou Fernández Méndez.
O líder socialista destacou ademais que esta actuación forma parte da estratexia Novo Norte, un proxecto global pensado para transformar a zona norte da cidade, mellorar a mobilidade e integrar urbanisticamente a nova intermodal co resto de Lugo e que foi concevido, deseñado e posto en marcha polo goberno socialista.
“Non só falamos dunha obra concreta. Falamos dun proxecto estratéxico que tamén nos permite reforzar a senda de financiamento europeo de Novo Norte, ao cumprir os requisitos marcados nas revisións periódicas da estratexia para acceder a máis fondos”, explicou.
Miguel Fernández acusou ao Goberno de Candia de realizar “unha posta en escena absolutamente vergoñenta” tentando presentar como propios avances que foron impulsados e negociados polo anterior executivo. “É sorprendente ver ao Partido Popular sacándose fotos e facendo anuncios sobre proxectos que deixamos preparados mentres son incapaces de presentar unha soa iniciativa propia para a cidade”, criticou.
O portavoz socialista lembrou que Novo Norte é “unha iniciativa claramente socialista”, construída desde a planificación urbana, a captación de fondos europeos e a colaboración institucional. “O que hoxe existe é froito de anos de traballo serio e dunha visión de cidade moderna e cohesionada. O PP chegou ao Goberno e, en vez de aportar ideas novas, dedícase a apropiarse do traballo feito polos demais”, concluíu.