A deputada de Igualdade, Sol Agra, puxo en valor «o papel do apoio económico das institucións ás entidades aliadas que traballan desde a sociedade civil».
A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou esta semana a sede da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia ACADAR, en Santiago de Compostela, para coñecer de primeira man o labor que desenvolve a entidade no acompañamento e apoio ás mulleres con discapacidade.
ACADAR é unha das entidades beneficiarias da convocatoria FOIO0A/2026 da Área de Igualdade da Deputación da Coruña, dotada con 600 000 euros para o apoio a programas en políticas de xénero desenvolvidos por entidades sen ánimo de lucro.
A deputada de Igualdade, Sol Agra, subliñou que con esta convocatoria «reafirmamos o noso compromiso co apoio ao tecido asociativo que traballa día a día pola igualdade real e efectiva». Neste sentido, destacou que «o cambio constrúese desde o local», polo que considera fundamental «garantir a estabilidade dos proxectos, como estes, que están a traballar nun ámbito, o da discapacidade, que moitas veces queda fóra dos programas das institucións competentes».
A discapacidade, e a situación de vulnerabilidade fronte á violencia sexual de mulleres e nenas con discapacidade, «é unha realidade incómoda que está invisibilizada», polo traballo de ACADAR «é fundamental para achegalo á sociedade», abondou a deputada.
Agra puxo en valor «o papel do apoio económico das institucións ás entidades aliadas que traballan desde a sociedade civil», pois o seu coñecemento do territorio «permite desenvolver intervencións máis eficaces». Ademais, incidiu en que «sen ese traballo continuado sería máis difícil avanzar na prevención das violencias machistas e na promoción dos dereitos das mulleres».
Labor realizado por ACADAR
A asociación recibiu unha subvención de 15 230 euros ao abeiro desta liña para o desenvolvemento do proxecto ‘VIO 10: Ver para erradicar’, unha iniciativa formativa dirixida ao alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e universitario para sensibilizar sobre discapacidade, igualdade e prevención da violencia de xénero e sexual.
Durante a visita, Sol Agra coñeceu o funcionamento deste programa, que presta especial atención ás distintas formas de violencia que sofren as mulleres con discapacidade, incluídas a violencia vicaria e a violencia dixital. O proxecto desenvólvese en concellos como Santiago, Brión, Ordes, A Coruña, Ames e Padrón, e inclúe accións presenciais e tamén formacións en liña adaptadas ás necesidades dos centros educativos.
ACADAR foi constituída no ano 2009 en Santiago de Compostela e foi a primeira asociación galega centrada na defensa da igualdade efectiva das mulleres con discapacidade. Entre os seus obxectivos están a promoción da autonomía e da participación social das mulleres, así como a prevención e erradicación das distintas violencias que poden sufrir.