A intervención presenta un orzamento de 171.400 euros e será cofinanciada entre o Concello e a Xunta de Galicia.
O Concello concluirá nos próximos días o procedemento de contratación da execución do proxecto de renovación integral do Centro Sociocultural de Insua de Caión.
O edificio alberga actualmente dous espazos diferenciados: o consultorio médico nun deles e, no outro, as dependencias que o Concello cede a diferentes colectivos do tecido asociativo caionés para o desenvolvemento da súa actividade cultural, deportiva e social.
O proxecto ten como finalidade principal mellorar o comportamento enerxético do inmoble e incrementar o confort térmico no seu interior. Para iso, actuarase de maneira integral sobre a envolvente do edificio, con intervencións entre a que destaca a instalación dun sistema de illamento térmico exterior (SATE) nas fachadas, o que permitirá reducir de forma significativa a transmisión térmica. Ademais, reforzarase o illamento da cuberta contribuíndo a manter unha temperatura interior máis estable ao longo de todo o ano.
Tamén será substituído o actual sistema de calefacción baseado en radiadores eléctricos por un de aerotermia con bomba de calor, máis eficiente e respectuoso co medio ambiente, que permitirá tanto a calefacción como a refrixeración dos espazos. Complementariamente, instalaranse radiadores de auga con válvulas termostáticas que facilitarán a regulación individualizada da temperatura en cada estancia.
Estas melloras permitirán unha redución moi significativa da demanda enerxética do edificio, cun impacto directo tanto na diminución do consumo como na mellora das condicións para as persoas usuarias das instalacións. En termos globais, suporá un salto cualitativo na eficiencia e sustentabilidade dun equipamento fundamental para a vida social, sanitaria e comunitaria de Caión.
As novas condicións do edificio unha vez executadas as obras permitiranlle acoller outro tipo de usos. Así, o Concello ten previsto trasladar a estas dependencias o comedor escolar aproveitando a súa proximidade co CEIP de Caión para unha maior comodidade do alumnado e tamén do persoal encargado do servizo.
O proxecto presenta un orzamento de 171.400 euros e, trala reunión da mesa de contratación celebrada hoxe, será adxudicado en próximas datas é empresa coruñesa Esqueiro S.L. pola Xunta de Goberno Local, o órgano competente. A actuación será cofinanciada entre o Concello e a Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas destinadas á realización de obras de eficiencia enerxética en infraestruturas municipais.
Con este proxecto o Concello dá un novo paso no seu compromiso coa modernización das infraestruturas públicas e coa aposta por un modelo máis sostible, eficiente e adaptado ás necesidades actuáis da veciñañza.