Besteiro e Patxi López esixen respecto para Zapatero ante as “tácticas torticeiras” da dereita

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o portavoz socialista no Congreso, Patxi López, amosaron este xoves en Ourense o seu respaldo  ao expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero ante o auto xudicial que se coñeceu nos últimos días. Ambos pediron respecto á acción da xustiza, esixiron que se aplique o principio de presunción de inocencia e advertiron de que a dereita está reeditando un guión coñecido: o das «tácticas torticeiras» coas que xa tentou no pasado tumbar mediaticamente a outros dirixentes socialistas.

«Eu creo en Zapatero e creo a Zapatero. E mentres non se me demostre o contrario, vou seguir pensando así», afirmou Besteiro.

O secretario xeral do PSdeG falou desde a súa propia experiencia. Hai dez anos, recordou, enfrontouse a autos de imputación que pintaban un cadro espectacular. «Parecía que tiñamos feito unha cantidade de cousas vergoñentas e tremendas. E ao final pasou o que pasou: todo quedou en nada». Convidou a volver ás hemerotecas para repasar o que daquela dicían sobre el dirixentes do Partido Popular como Alberto Núñez Feijóo ou o propio Alfonso Rueda. «Sería bo refrescarlles a memoria», apuntou.

Besteiro pediu respecto á acción da xustiza, que se atopa, dixo, nunha fase «absolutamente inicial», e esixiu que ao expresidente se lle aplique o mesmo dereito que se reclama para calquera cidadán. «O principio de presunción de inocencia é algo a que todos temos dereito», subliñou. Recordou tamén que en Ourense hai persoas que foron acusadas inxustamente e maltratadas con situacións moi similares. «E despois pasou o que pasou: todo quedou en nada».

O dirixente socialista identificou aos responsables daquela maquinaria. «Quen instigou todo iso? Mediaticamente, unha dereita que non sabe chegar ao goberno máis que utilizando esas tácticas torticeiras», denunciou. E avisou: «Nós non imos actuar mirando para outro lado. Imos responder e imos ser contundentes contra esa forma de facer política, que é absolutamente indigna».

Patxi López, que compartirá esta tarde tribuna con Besteiro na quinta xuntanza socialista da provincia de Ourense, trasladou unha mensaxe na mesma liña. «Todos os militantes socialistas, e moita xente que non é militante do Partido Socialista, dicimos e pensamos o mesmo: defendemos a presunción de inocencia, que é un piar básico de calquera sistema democrático, e defendemos ao presidente Zapatero porque o coñecemos», afirmou.

O portavoz socialista no Congreso reivindicou a figura do expresidente: «Transformou este país e dotounos de dereitos e liberdades como nunca tivéramos». E recorreu á súa propia experiencia política e persoal con el: «Para min Zapatero é incompatible coas acusacións que aparecen nese auto. Estou absolutamente convencido de que Zapatero non é un corrupto nin se corrompeu. Mentres non se me demostre o contrario”.

López cargou contra os sectores da dereita que, dixo,  defenden a presunción de inocencia como dereito fundamental e «acto seguido» declaran culpable a Zapatero «de absolutamente todo». Reclamou que a xustiza poña probas enriba da mesa que sosteñan algo do que se está dicindo nestes días. «Parece mentira que teñamos que recordar permanentemente que hai que demostrar a culpabilidade, non a inocencia», afirmou.

E pechou dicindo que «os e as socialistas defendemos ao presidente Zapatero e defendemos a inocencia neste país. E, mentres tanto, o que facemos os socialistas é seguir gobernando e facendo política para axudar á cidadanía»..

Comparte éste artículo
No hay comentarios