O PP esixe ao goberno provincial de PSOE e BNG o arranxo dos tramos antigos das LU-P-2801 e LU-P-5501 en Riotorto

O Concello e a asociación de veciños de Vale solicitaron formalmente fai meses ante a Deputación o arranxo do antigo tramo da LU-P-2801 ao seu paso por Mundín, Aldreu e Vale, pero “PSOE e BNG desoen as peticións do Concello e dos propios veciños e veciñas”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular esixirán ao goberno de PSOE e BNG no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo o arranxo dos antigos tramos da LU-P-2801 e LU-P-5501 en Riotorto que dan acceso ás vivendas de moitos veciños e veciñas.

Os populares explican que “o tramo de preto de 4km da antiga estrada provincial LU-P-2801 ao seu paso por Mundín, Aldreu e Vale presenta mal estado”, xa que “o seu firme está moi deteriorado”. 

Esta situación provoca as queixas e incomodidades entre os veciños e veciñas da zona. Por este motivo, fai xa uns meses que o Concello de Riotorto e a propia asociación de veciños de Vale remitiron á Deputación de Lugo cadansúa solicitude para que o goberno provincial acometera o arranxo deste tramo da vía que é o principal acceso para estes núcleos de poboación. “Pero PSOE e BNG desoen as peticións do Concello e dos propios veciños e veciñas”, lamenta o portavoz, Antonio Ameijide.

Os populares tamén esixirán actuacións de mellora no tramo de 2,6 km da antiga LU-P-5501 ao seu paso por Ferreiravella ante a falta de actuacións de mellora por parte do goberno da Deputación de Lugo, titular da vía.

ABANDONO DAS VÍAS PROVINCIAIS E ATENCIÓN NAS MUNICIPAIS

Ameijide subliña tamén que “o mal estado das vías provinciais debido á falta de interese e abandono por parte do goberno de PSOE e BNG contrasta co coidado e atención por parte do goberno do Concello naquelas que son de competencia municipal”. 

E engade que “é unha pena que os veciños e veciñas teñan que sufrir a diario a falta de mantemento e conservación por parte do goberno provincial. Mentres, o goberno municipal si ten presente a importancia de manter en boa estado as estradas para as comunicacións diarias de veciños, autónomos, empresas e usuarios en xeral”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios