O BNG de Vimianzo denuncia desinterese do goberno municipal por estradas e saneamentos

O BNG de Vimianzo vén de facer público un comunicado no que denuncia o lamentable estado xeralizado das estradas municipais e cualifica de “completamente insuficiente” o recente anuncio do goberno local sobre o arranxo da vía Carnio-Serramo.

Os nacionalistas acusaron ao executivo municipal de “falta de xestión e despilfarro dos recursos da veciñanza”. Neste sentido, lembraron que os elevados ingresos percibidos a través do imposto do IBI permitiron que o Concello de Vimianzo contase nos tres últimos anos coa partida orzamentaria máis elevada da Costa da Morte. Porén, consideran que ese importante volume de recursos está a destinarse principalmente a actos lúdicos e propaganda, en lugar de empregarse en investimentos prioritarios e de primeira necesidade, como o mantemento das vías de comunicación ou a ampliación dos saneamentos.

Por este motivo, o BNG anunciou que volverá reclamar no vindeiro pleno municipal o arranxo urxente da rúa Codeseiras, en Vimianzo, así como das vías Areosa-Salto, Carnio-Colúns e Serramo-Baiñas, e os viais de Ogas, entre outras.

Segundo denunciaron os nacionalistas, todos estes viais presentan “un estado lamentable, o que supón un evidente risco para a circulación e para a seguridade da veciñanza”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios