O Centro de Día de Rois organiza un paseo en barco adaptado para os seus maiores en colaboración con ADECO-DEA Noia Náutica Adaptada

O Centro de Día de Rois, da rede de centros da Xunta de Galicia, realiza unha actividade pioneira dirixida aos seus usuarios: un paseo en barco adaptado pola Ría de Noia, desenvolvido en colaboración con Náutica Adaptada de Noia. A proposta foi recibida con gran entusiasmo por parte dos maiores, que participarán nun percorrido accesible de aproximadamente 50 minutos.

A directora do centro, María Vilas, subliña a importancia desta acción:“Para moitas das persoas maiores do CD de Rois, o mar forma parte da súa historia de vida. Poder ofrecerlles esta experiencia en condicións de accesibilidade e seguridade é un motivo de orgullo para todo o equipo, para unha das participantes con 97 anos é a súa primeira vez en barco”.

O barco parte dende as instalacións do Real Clube Naútico de Portosín, durante a travesía, os participantes visitarán puntos de interese como A Illa dá Creba, as bateas e a Praia de Coira, desfrutando dunha contorna natural de gran valor paisaxístico e cultural. A actividade intégrase no programa comunitario anual do Centro de Día de Rois, orientado a promover o envellecemento activo, a participación social e o benestar emocional.

Pola súa banda, Pepe, responsable de ADECO-DEA Noia Náutica Adaptada, destaca que esta colaboración “permite achegar o mar a todas as persoas, independentemente das súas capacidades, garantindo unha experiencia inclusiva e plenamente accesible”.

Con esta iniciativa, o Centro de Día de Rois reafirma o seu compromiso coa innovación social, a accesibilidade e a mellora da calidade de vida das persoas maiores e consolídase como eles mesmos refiren como o máis marchoso de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios