As deidades, pese a esa inmortalidade que deixan na historia, tamén teñen idade cronolóxica e Juan Cabrejo, unha das máis importantes do Olimpo galego, está de aniversario neste martes que por temperatura lembra máis á Cartaxena onde xogara catro anos que á Costa da Morte na que agora imparte a súa cátedra futbolística.
A cabalo entre a Escola de Fútbol Municipal de Camariñas que leva o seu nome -a quen adica a maior parte do seu tempo- e o equipo sénior da vila que facía campión ligueiro a tempada pasada, Cabrejo é unha marca de calidade no universo camariñán que traballa para sementar futuro mentres, como cantan Fuxan os Ventos, haxa un meniño no pobo. A piques de pechar outra tempada e dar inicio á vindeira, o Mago de Corea celebra esta data sinalada nun local mítico de Compostela coma o Asador Gonzaba de Fredi Rial, quen se ocupa de que as ocasións especiais estean acompañadas de exquisitos manxares e un ambiente familiar. De Corea para o mundo e de hoxe nun ano, Míster!