Antonio Ameijide destacou que “cómpre mellorar a cobertura de emerxencias e reducir os tempos de resposta na Montaña”, algo para o que reclama“coherencia e altura de miras” a PSOE e BNG, lembrando que “hai un mes o pleno aprobou por unanimidade impulsar a recuperación dos servizos de emerxencias nas zonas da provincia que actualmente carecen dunha cobertura suficiente, polo que non se entende a súa abstención de hoxe”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular acadaron a aprobación dunha iniciativa para estudar a posible creación e implantación dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) no concello de Cervantes, e así dar cobertura á zona da Montaña lucense. A iniciativa aprobouse cos votos a favor dos populares e as abstencións de PSOE e BNG.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destacou que “defendemos esta proposta para mellorar a cobertura de emerxencias e reducir os tempos de resposta na comarca da Montaña”, algo para o que, durante a súa intervención, reclamou “coherencia e altura de miras” a PSOE e BNG, lembrando que “hai apenas unhas semanas o pleno aprobou por unanimidade impulsar a recuperación dos servizos de emerxencias nas zonas da provincia que actualmente carecen dunha cobertura suficiente, polo que non se entende a súa abstención de hoxe”.
A desaparición dos antigos GES da Fonsagrada e Becerreá deixou unha ampla zona da montaña lucense nunha “situación de desamparo”, incrementando os tempos de resposta ante accidentes, incendios ou incidencias graves.
Ante esta situaciín, o voceiro popular destacou que a creación dun GES en Cervantes “non entende de cores políticas”, senón que responde “a unha necesidade de seguridade estritamente obxectiva”.
Antonio Ameijide lembrou que a lexislación vixente atribúe ás deputacións provinciais competencias obrigatorias en materia de emerxencias e protección civil nos municipios de menos de 20.000 habitantes, do mesmo xeito que así o referendan a Lei de Bases do Réxime Local, a Lei de Administración Local de Galicia e a Lei de Emerxencias de Galicia.
“Non só o di a lei vixente, tamén o recordou a esta Deputación a xustiza na sentenza relativa ao GES de Cervo, ratificando que corresponde ás deputacións garantir a prestación efectiva destes servizos cando os concellos non teñen capacidade material ou económica para asumilos”.
A realidade é que a comarca da Montaña lucense precisa dun operativo destas características, sobre todo debido ás condicións que presenta a zona, marcada pola complexidade orográfica, as grandes distancias, a dispersión da poboación e o elevado risco de incendios forestais.
Antonio Ameijide destacou que “PSOE e BNG non se poden escudar na falta de recursos” xa que “a Xunta de Galicia xa expresou o seu compromiso para financiar o 50% do custo de implantación, equipamento e posta en marcha do servizo”.
“Hoxe falábase da seguridade dos veciños da Montaña e PSOE e BNG non estiveron á altura”, ao que engadiu que “seguimos a tender a man para avanzar nesta proposta, necesaria, xusta e urxente” para o rural lucense, sentenciou.