O Concello de Lugo anuncia 6 novos puntos de recarga eléctrica e planea unha rede por toda a cidade

O concelleiro de Mobilidade, Antonio Ameijide, e a concelleira de dinamización económica e relacións institucionais, Cristina Sanz, informou  da contratación da instalación de catro puntos de recarga para vehículos eléctricos e dous puntos de recarga destinados a bicicletas eléctricas e vehículos de mobilidade persoal, como patinetes no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “PSTD: Et Edendo, Lucus: un recorrido histórico por la enogastronomía”, financiado a través do Ministerio de Industria e Turismo dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Fondos Next Generation da Unión Europea.

A actuación enmárcase no Eixe 2 deste programa, centrado na mellora da eficiencia enerxética, e ten como obxectivo fomentar unha mobilidade máis sostible tanto para a cidadanía como para as persoas visitantes.

“Mentres a maioría das cidades dispoñen xa de redes de recarga e levan anos adaptándose á nova mobilidade, Lugo non conta actualmente con ningún punto de recarga público para vehículos eléctricos en vía pública”, advertiu Ameijide.

O concelleiro sinalou que se trata dunha demanda existente desde hai tempo tanto entre particulares como entre empresas e profesionais do transporte

Pola súa banda Cristina Sanz destacou que “o importante dos fondos europeos é aproveitalos para executar proxectos útiles, que melloren servizos e respondan ás necesidades reais da cidade”. Neste sentido, incidiu en que Lugo “ten exemplos de actuacións pouco prácticas e afastadas das prioridades dos veciños, polo que este Goberno local aposta por investimentos que teñan utilidade, melloren o día a día e deixen infraestruturas aproveitables para a cidadanía”.

A proposta do goberno.- O Concello está licitando dos contratos diferenciados para a instalación de catro estacións de recarga para vehículos eléctricos e para a execución da obra civil e eléctrica necesaria para a súa posta en funcionamento, cun orzamento de 66.500 euros.

As ubicacións previstas para estes puntos son:

• Parque de Frigsa; aparcadoiro do complexo deportivo Palomar; parada de taxis de Ramón Ferreiro e parada de taxis da Fonte dos Ranchos

Antonio Ameijide destacou especialmente a instalación de dous destes puntos nas paradas de taxi de Ramón Ferreiro e Fonte dos Ranchos, dando resposta a unha demanda trasladada polo propio colectivo ante o aumento do uso de vehículos eléctricos entre os profesionais do sector.

“Non só atendemos unha necesidade da cidadanía, senón tamén unha petición concreta dun colectivo que está facendo un esforzo importante por adaptarse a unha mobilidade máis sostible e que precisa infraestruturas adecuadas”, explicou.

Ademais, o goberno local contratará tamén a subministración e instalación de dous puntos de recarga destinados a bicicletas eléctricas e vehículos de mobilidade persoal, como patinetes eléctricos, cun investimento previsto de arredor de 18.000 euros. A ubicación destes puntos concretarase nas vindeiras semanas.

O goberno avanzou que iniciará a preparación dunha nova licitación para ampliar a rede de recarga por diferentes puntos da cidade debido á demanda existente tanto por parte dos condutores como das empresas prestadoras deste servizo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios