Na sesión celebrada hoxe tamén se aprobou o regulamento municipal do teletraballo e deuse conta da alegación do Concello ao proxecto da planta de biogás de Soandres.
No Pleno ordinario celebrado hoxe na Casa da Cultura aprobouse inicialmente o expediente de suplemento de crédito destinado á amortización anticipada de débeda municipal por importe de 918.904,06 euros, unha operación que permitirá avanzar de maneira moi significativa cara a cancelación total da débeda do Concello tanto con entidades financeiras como con organismos públicos.
A proposta saíu adiante coas abstencións do PSOE e do BNG e financiarase con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais resultante da liquidación do exercicio 2025.
O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que os superávits municipais deben destinarse por imperativo legal á redución da débeda das administracións locais. Nese sentido, indicou que o remanente procede dos maiores ingresos rexistrados durante o exercicio económico anterior que os previstos nos orzamentos xerais, das achegas procedentes doutras administracións e tamén do fondos municipais que pasaron dunha anualidade á seguinte.
O acordo permitirá cancelar anticipadamente un crédito concertado no seu día cunha entidade financeira para afrontar gastos considerados urxentes e inaprazables e que agora pode liquidarse debido á capacidade económica actual do Concello, e tamén o préstamo sen xuros concedido pola Xunta a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo no ano 2022 para rehabilitación e conservación do patrimonio municipal.
Outro dos asuntos abordados na sesión foi a aprobación, neste caso por unanimidade, do Regulamento de teletraballo do persoal municipal, que regula a prestación de servizos nesta modalidade para determinados postos do Concello, compatibilizando a conciliación laboral e familiar coa garantía da correcta prestación dos servizos públicos e da atención á cidadanía.
Ademais, deuse conta á Corporación municipal do envío da alegación presentada polo Concello da Laracha contra a planta de biogás proxectada en Soandres.
Ao Pleno asistiron varios veciños desa parroquia, aos que o alcalde agradeceu a súa presenza e implicación. López Varela reiterou o posicionamento contrario do Concello á implantación desa planta e afirmou que o goberno local está a defender os intereses da veciñanza afectada. Tamén explicou que tanto el como o resto dos concelleiros do grupo de goberno presentaron alegacións individuais ao proxecto, e concluíu asegurando que a plataforma Stop Biogás A Laracha “vai contar co apoio deste goberno”.
Por último, o Pleno aprobou unha moción na que se reclama á Xunta de Galicia a gratuidade da autoestrada AG-55 e ao Goberno de España a da AP-9.