Unha xenialidade de Otero pon diante ao Arteixo na loita polo ascenso contra o Compostela (2-1)

O Arteixo pode ser a besta negra do Compostela nesta temporada. En tres partidos, cun empate e dúas vitorias para os arteixáns, abren a candidatura do candidato galego para loitar na terceira eliminatoria da fase de ascenso ante o Cornellà ou o Badalona, do grupo quinto da Terceira Federación. En Ponte dos Brozos o importante ficou para o segundo tempo. Parapar adiantou aos visitantes, pero un erro de Valín permitiu a José Ramón empatar e, no treito final, unha xenialidade de Otero permitiu a virada e dar vantaxe aos branco e vermellos na eliminatoria.

Un partido de liga, máis que eliminatorio

Os que se torraron na solleira mañá arteixán puideron ver un partido diferente aos habituais neste tipo de contextos. En lugar de asistir a un xogo amarrado, á espera do segundo partido, o encontro pareceu máis de liga que de eliminatoria.
O Arteixo xogou máis pregado, pero sen renunciar a disputar a pelota ao Compostela. Incluso gozou do primeiro disparo, nun xute de José Ramón que atallou Álex Cobo.
Os seguintes ataques foron finalizados polos visitantes desde fóra da área. Valín mandou o coiro contra a defensa (foto) e Carlos detivo o do ex atlético Cañi.
A mellor ocasión da primeira metade foi para Pablo Martínez, que recolleu un balón solto na frontal, encarou ao meta visitante, pero o cerbero forasteiro tapou os buracos e desviou co corpo aos 24 minutos.
O equilibrio no centro do campo foi a constante da seguinte fase do xogo, até que no 36, Antón forzou a carreira até a liña de fondo e centrou á cabeza de Maceira, que mandou o balón por riba do traveseiro tras adiantarse ao seu marcador.
A mellor do Compostela no primeiro tempo quedou sen finalizar. Saíu dunha permuta circunstancial entre Parapar e Cañi. O primeiro avanzou antes de centrar a ras de chan ao segundo pau, pero Berrocal andou veloz e meteu o pé para afastar o coiro, antes que Cañi o empurrara a gol.

Unha xenial virada

O segundo tempo foi aínda máis entretido e con goles. Aos seis minutos, Rubén Martínez non foi quen de engatillar con potencia, rodeado de rivais, cando colleu na área un centro desde a esquerda.
Parapar, que parece vivir o seu mellor momento da temporada nos partidos da fase de ascenso, viu claro o espazo que lle deixaba Tomé para ofrecerse a un pase vertical de Samuel. O servizo foi perfecto e, tras o control, o coruñés foi directo á area para enfrontar con moitas añternativas a Carlos e batelo cun xute cruzado.
Parecía que o Compostela daría outro ritmo máis pausado ao partido, pero logo duns minutos planos de xogo, o Arteixo espertou cunha acción de xogador listo de Queijeiro. O centrocampista lanzou unha falta rápida aproveitando a descolocación compostelanista, pero a pelota pasou perto da portería.
Os locais presionaron mellor e acumularon máis posesión. No minuto 67, José Ramón pediu penalti logo de caer dentro da área na disputa dun balón dividido. O Compostela saíu co coiro xogado, pero recuou ao ver que os locais reordenaban axiña as posicións mesmo sen José Ramón, que ficara laiándose no chan.
No reinicio, o esférico volveu á dereita, onde Valín, xogando de memoria, cedeu a Álex Cobo sen reparar que José Ramón acababa de erguerse da caída. O extremo local recolleu o agasallo, encarou ao meta e anotou o empate.
Pouco antes, Posi aumentara o perfil ofensivo do equipo coa entrada de Raúl Melo por Pablo Martínez.
O Arteixo mantivo a tendencia positiva malia tímida reacción dos capitalinos, que tentaron recuperar a vantaxe cun xute alto de Samuel desde a media lúa.
No minuto 78, tras un bo pase de 50 metros de Agulló, Otero gañou a disputa a Damián, pero se precipitou cun xute desviado cando non estaba tan apurado para pensar outras opcións.
Secho Martínez buscou o control e a frescura cunha tripla substitución para o treito final. A decisión non resultaría a mellor desde o punto de vista resultadista,
No minuto 85, Otero participou dunha combinación con Iván e a presenza polo medio de Moreta. Desde 25 metros, cando todos pensaban que o seguinte sería superar á defensa por banda, cun servizo a Iván, que quebraba a liña polo exterior, ollou a posición de Álex Cobo e colocou un disparo brutal co que sorprendeu ao meta e ao resto dos que estaban en Ponte dos Brozos.
Co partido virado, o Compostela aumentou a tensión facendo unha mellor presión na parcela local. Incluso puido empatar no quinto minuto do prolongamento, cun xute de Unai dentro da área que bateu no corpo dun defensa.
O saque de esquina, lanzado por Carlos ao segundo pau, non tivo consecuencias e o madrileño Valero Barrales, que só mostrou un amarelo a Queijero e fixo unha boa actuación, asubiou o final.
O desenlace da eliminatoria será o próximo domingo, ás seis e media da tarde, no Verónica Boquete de San Lázaro. Ao Compostela só lle vale gañar, pero se só o fai pola mínima ao remate dos noventa minutos, haberá prórroga e só se esa vitoria se mantén logo deses trinta minutos, pasará a eliminatoria. Un empate, ou un triunfo atlético, poñerá ao Arteixo na eliminatoria final que disputará ante o Cornellá ou o Badalona. A ida será en Galiza e a volta en Cataluña.

Ficha

DOMINGO 31/05/2026 (12,00) Campo: PONTE DOS BROZOS (1.000)
AT. C. ARTEIXO : 2 – S.D. COMPOSTELA : 1 (0-0)

ART : Carlos; Iván, Agulló, Tomé, Berrocal; Rubén Martínez (Moreta 83’), Naya, Pablo Martínez (Raúl Melo 66’), Queijeiro; José Ramón (Lamas 88’); Otero (Rojo 88’). Tre. Posi. (Banco: Hevia (g); Hugo García; Marcos; Iker).
COM : Álex Cobo; Valín, Kiko, Crespo, Damián; Parapar (Goris 80’), Uzal, Antón, Samuel (Unai 85’), Cañi (Ricki 80’); Maceira (Carlos 80’). Tre. Secho Martínez. (Banco: Graumann (g); Aarón Martínez; Diego Rodríguez; Zubanović; Rosón).
Goles: 0-1 Parapar 55’; 1-1 José Ramón 68’; 2-1 Otero 85’.
Árbitro: Valero Barrales (Madrid). Auxiliares: Méndez Molero e Valle Domingo. 4º árb.: Gómez Cerqueiro
Disciplina: CA: Queijeiro 34’.

Foto: A zaga local rexeita un disparo de Valín. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios