A competición celebrarase en setembro en Narón e reunirá nenos e nenas de entre 7 e 10 anos das categorías benxamín e alevín, con equipos procedentes de diferentes puntos de España e Portugal.
A Deputación da Coruña colaborará este ano coa undécima edición do Torneo Internacional Narón, unha das citas de fútbol base con maior proxección de Galicia e un evento xa consolidado no calendario deportivo da provincia. Así o anunciou o deputado de Deportes, Antonio Leira, nun encontro cosresponsables da Sociedade Cultural Deportiva e Recreativa Narón O Freixo, Rafael Pazo Louro, presidente do club, e Juan Carlos Vázquez, director técnico do torneo e directivo da entidade.
O torneo celebrarase nos primeiros días do mes de setembro no estadio municipal Río Seco de Narón e reunirá a nenos e nenas de entre 7 e 10 anos nas categorías benxamín e alevín, coa participación de clubs procedentes de diferentes puntos de España e outros países europeos. A cita continúa medrando ano tras ano en participación, público e repercusión, reforzando o seu papel como escaparate do fútbol base e como punto de encontro para deportistas, familias, adestradores e entidades deportivas.
Leira subliñou que o Torneo Internacional Cidade de Narón “é unha referencia no seu ámbito e un exemplo de como o deporte pode contribuír á formación da mocidade”. Neste sentido, puxo en valor o esforzo da organización para consolidar unha cita que cada ano atrae máis participantes e visitantes.
A pasada edición do torneo reuniu arredor de 3.500 espectadores, unha cifra que dá conta da capacidade de atracción deste evento e do seu crecente peso dentro do fútbol base. Para esta nova edición, a organización traballa co obxectivo de superar os 5.000 asistentes.
O prestixio do Torneo Internacional Cidade de Narón queda reflectido tamén na nómina de clubs que participaron en edicións anteriores. Equipos de referencia como o Atlético de Madrid, o Real Oviedo, o Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña, a Cultural Leonesa, o Vitória de Guimarães, o Sporting de Braga ou o FC Porto, entre outros, formaron parte dunha competición que se ten convertido nun escaparate para novas xeracións de futbolistas.
Ademais da súa dimensión deportiva e educativa, o torneo supón unha importante oportunidade de promoción para Narón e para o conxunto da comarca. A chegada de equipos, familiares e afeccionados xera actividade nos establecementos hoteleiros, na restauración e no comercio local, contribuíndo á dinamización económica do territorio e á proxección exterior da cidade.
Entre os obxectivos desta undécima edición figuran o fortalecemento da dimensión internacional do torneo, a mellora da experiencia dos participantes e do público, o incremento da visibilidade nos medios de comunicación e nas redes sociais, así como a consolidación das relacións con patrocinadores, institucións colaboradoras e entidades deportivas.
Co apoio da Deputación da Coruña, o torneo volverá situar Narón como o punto de encontro para centos de nenos e nenas unidos pola paixón polo fútbol.