O CITENI da UDC participa no proxecto europeo VALLE_H2GAP para impulsar o hidróxeno renovable en Galicia e o Norte de Portugal

VAL_H2GAP, financiado polo programa InterregPOCTEP, conta cun orzamento total de 1,7 millóns de euros e reúne un consorcio de 10 entidades de Galicia e o Norte de Portugal.

A Universidade da Coruña (UDC), a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, participa no proxecto europeo VALLE_H2GAP, unha iniciativa financiada polo programa Interreg POCTEP que busca consolidar un ecosistema transfronteirizo de hidróxeno renovable entre Galicia e o Norte de Portugal.

Aínda que a coordinación do proxecto recae no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), a UDC desempeña un papel salientable no desenvolvemento científico e tecnolóxico do consorcio, ao cal achega capacidades chave en enxeñaría enerxética, tecnoloxías de electrólise e aplicacións industriais do hidróxeno.

Un piloto de hidróxeno verde mediante electrólise

Un dos elementos máis relevantes da participación da UDC é o desenvolvemento dun piloto físico e/ou dixital centrado na produción de hidróxeno verde mediante electrólise, un proceso que utiliza electricidade para separar a auga en hidróxeno e osíxeno. Neste ámbito traballarase con distintas tecnoloxías, como a electrólise con proton exchange membrane (PEM, é dicir, con membrana de intercambio de protóns), a electrólise alcalina (baseada no uso dunha solución alcalina como medio de reacción) e a electrólise de óxido sólido (solid oxide electrolysis cell, SOEC, que opera a alta temperatura e permite mellorar a eficiencia do proceso en determinados contextos industriais). 

Este traballo articúlase desde o CITENI coa implicación dos grupos de investigación de Enxeñaría Enerxética (INGEN), o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL), o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) e o Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), que achegan coñecemento complementario en áreas como a modelización e análise de sistemas enerxéticos, o desenvolvemento de tecnoloxías industriais avanzadas, a enxeñaría mecánica aplicada e a validación de solucións para a súa transferencia á contorna produtiva.   

Non se trata só de producir hidróxeno, senón de facelo viable

O investigador principal do proxecto na UDC, Manuel Romero, director da ETSNM (Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas) e membro do grupo INGEN, subliña o enfoque aplicado desta liña de traballo: “O reto non é unicamente producir hidróxeno verde, senón entender como facelo de xeito eficiente, escalable e útil para sectores reais como o transporte marítimo ou a industria pesada”.

Desde o CITENI, o traballo oriéntase tamén á integración do hidróxeno en contornas portuarias e loxísticas, un ámbito estratéxico nunha eurorrexión onde a industria, a automoción e o sector marítimo teñen un peso determinante.

1,72 millóns de euros para un ecosistema transfronteirizo

O proxecto VALLE_H2GAP conta cun orzamento total de 1,72 millóns de euros, financiados no marco do programa europeo Interreg POCTEP, co obxectivo de acelerar a transición enerxética mediante cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

A UDC participa cunha asignación de máis de 130 000 euros, que se canaliza a través do CITENI e do Campus Industrial de Ferrol, para actividades de investigación, formación e desenvolvemento tecnolóxico vinculadas ao hidróxeno renovable.

O consorcio está integrado por 10 entidades de ambos os lados da fronteira, entre elas o CTAG (entidade coordinadora), o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2), a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, o Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI), as universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Trás-os-Montes e Alto Douro, así como asociacións empresariais do sector en España e Portugal.

Ciencia aplicada desde Ferrol para un val enerxético común 

A participación neste proxecto reforza a aposta do CITENI e do Campus Industrial de Ferrol pola investigación aplicada en enerxías limpas, nun modelo que conecta ciencia, industria e formación avanzada en tecnoloxías do hidróxeno.

O proxecto foi presentado oficialmente o pasado 13 de maio nas instalacións do CTAG, no Porriño, nunha xornada de lanzamento que reuniu as organizacións socias do consorcio. Nese encontro, a UDC, a través do CITENI e dos grupos de investigación do Campus Industrial de Ferrol, mostrou as capacidades científico-tecnolóxicas que achega ao proxecto no ámbito do hidróxeno renovable.

O seu obxectivo final é avanzar cara a unha estratexia común que permita consolidar un val de hidróxeno renovable na eurorrexión, con vistas a impulsara descarbonización de sectores chave como a industria, a mobilidade e a actividade portuaria, así como a xerar novas oportunidades de innovación e emprego cualificado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios