O PP esixe a PSOE e BNG a “abrir de inmediato e sen escusas” a residencia de Becerreá, tras facerse firme a sentenza do TSXG

Ameijide: “Xa non valen escusas, nin recursos, nin dicir que están a traballar na apertura e en realidade non facer nada…; a xustiza volveulle dicir a PSOE e BNG que están a incumprir as súas obrigas e o único camiño que teñen é abrir a residencia de inmediato”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen a PSOE e BNG na Deputación de Lugo a “apertura inmediata e sen máis atrancos” da residencia de maiores e centro de día de Becerreá

O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ratificar e facer firme a sentenza que obriga á Deputación a poñer en marcha este servizo, dando cumprimento ao convenio asinado no seu día co Concello.

Antonio Ameijide sinalou que a ratificación desta sentenza xudicial supón “o definitivo varapau xudicial á desidia de socialistas e nacionalistas”. “Xa non valen escusas, nin recursos, nin dicir que están a traballar na apertura e en realidade non facer nada…; a Xustiza volveulle dicir a PSOE e BNG que están a incumprir as súas obrigas e o único camiño que teñen é abrir a residencia de inmediato”, afirmou.

O voceiro popular lembra que este edificio — que conta con 96 prazas de residencia e 40 de centro de día — rematouse hai catro anos e debía estar en funcionamento antes de decembro de 2023. 

Neste senso, Ameijide criticou “absolutamente todos o atrancos e manobras de distracción de PSOE e BNG para non poñer en servizo esta infraestrutura”, así como “actos de trámite insignificantes ou dilatorios”, tal e como recolle a propia sentenza.

Ameijide insta a Carmela López a “demostrar que se realmente ten vontade de cambio ou se vai seguir a liña de parálise de Tomé”. «Ata o de agora, PSOE e BNG votaron sistematicamente en contra de todas as iniciativas que presentamos para abrir o centro», advertiu.

O voceiro popular recorda que no pleno de abril xa defendemos unha moción para instar á Deputación de Lugo a dar cumprimento inmediato á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga á institución a abrir e poñer en funcionamento a residencia e centro de día comarcal de Becerreá, dando cumprimento ás obrigas recollidas no convenio asinado entre a institución provincial e o Concello xa que “esta sentenza do TSXG dá a razón ás reiteradas reclamacións realizadas tanto polos veciños e veciñas como pola Plataforma Pro Residencia de Becerreá, o Concello e o propio Partido Popular”.

Un pleno no que PSOE e BNG votaron en contra desta iniciativa, así como “ningunearon a sentenza xudicial cando afirmaron que “para dicir o que di a sentencia botaron un ano”.

Antonio Ameijide tamén quere agradecer todo o esforzo realizado polos veciños de Becerreá e da comarca: «Este logro é froito da insistencia veciñal, da Plataforma Pro Residencia, do Concello de Becerreá e do traballo do noso partido dende que en 2016 incluímos este proxecto por emenda nos orzamentos. Hoxe gañan os veciños da Montaña», concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios