Xosé Regueira afirmou que «a gastronomía é moito máis que un produto: é paisaxe, cultura, identidade e tamén unha oportunidade para desenvolver un turismo de calidade que deixa valor no territorio».
O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, recolleu onte en Madrid o Premio Gourmet Turismo Gastronómico. O recoñecemento á institución provincial tivo lugar nos II Premios Planes Gourmet, organizados polo programa de televisión especializado en gastronomía, industria alimentaria e turismo producido por Mediaset España. A entrega do galardón celebrouse no Círculo de Belas Artes de Madrid, no marco dunha gala destinada a distinguir iniciativas e entidades destacadas nestes ámbitos.
Regueira destacou que o premio «é un recoñecemento colectivo a todas as persoas que, desde o sector agroalimentario e gastronómico, contribúen cada día a construír unha provincia máis competitiva, máis atractiva e con maior capacidade para xerar riqueza».
O vicepresidente afirmou que «a gastronomía é moito máis que un produto: é paisaxe, cultura, identidade e tamén unha oportunidade para desenvolver un turismo de calidade que deixa valor no territorio», e considerou que o galardón avala a aposta da Deputación por un modelo baseado «na excelencia, na autenticidade e na sostibilidade, que son os elementos que fan da provincia da Coruña un destino singular e diferenciado».
O premio supón un novo recoñecemento ao traballo desenvolvido pola Deputación da Coruña no ámbito da promoción turística vinculada á gastronomía, unha das liñas estratéxicas da institución provincial para fortalecer o tecido produtivo, impulsar a proxección exterior do territorio e promover un modelo turístico sustentado na calidade e no respecto polos recursos propios.
A organización do premio corresponde a Planes Gourmet, un espazo de televisión centrado no sector gastronómico, na industria alimentaria e no turismo, producido por Mediaset España.