A banda rock de Barcelos rompe tres anos de silencio discográfico e anuncia os primeiros concertos de presentación en Braga e Lisboa, nunha xira coa que visitará Galicia no outono.
Descubre más noticias musicales como ésta
Glockenwise, unha das bandas máis salientables da escena rock portuguesa actual, publica hoxe Guerra do Caulino, o segundo tema de adianto dun novo disco -sucedendo a Vai dar, lanzado en xaneiro-, que marca o regreso da banda de Barcelos ao estudio, tres anos despois da edición de Gótico Português, traballo que o público galego puido escoitar ao vivo en citas como os festivais Sinsal e Osa do Mar.
«Os nosos nacementos son contemporáneos da Guerra do Caulino, un conflito de intereses arredor dos terreos da explotación deste mineral e que envolveu, en protesta, os populares de Barqueiros, Barcelos. Esta coincidencia non ten particular relevancia, pero é un marcador cronolóxico cuxo significado ten matices que apenas se van revelando co paso do tempo», sinala a banda.
O novo disco de Glockenwise chamarase Vale tudo para chegar a algum lado.Presentarase en outono en Braga (Theatro Circo, 10 de outubro), Lisboa (Culturgest, 16 de decembro) -cuxas entradas xa se atopan á venda en BOL.pt e Ticketline, respectivamente- e tamén en Galicia.
Glockenwise é unha banda de Barcelos composta por Nuno Rodrigues (voz e guitarras), Rafael Ferreira (guitarras), Rui Fiusa (baixo) e Cláudio Tavares (bateria). Nos seus 15 anos de traxectoria, teñen actuado tanto nas principais citas do seu país coma en numerosos escenarios europeos.
Ás súas costas contan con cinco discos: Building Waves (2011), Leeches (2013), Heat(2015), Plástico (2018) e Gótico Português (2023). Neste 2026 publicarán o seu novo traballo discográfico da man do selo Vida Vã, creado pola propia banda no 2022. O álbum conta tamén co apoio do Fundo Cultural da Sociedade Portuguesa de Autores e da Fundação GDA.