Néstor Rego Candamil reclamará desbotar este proxecto polo seu impacto negativo e polo que representa de espolio do noso País.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, participará da vindeira sesión de control ao Goberno para reclamar explicacións ao Goberno a respecto da inclusión da mina de litio de Doade (Beariz) na primeira lista de proxectos estratéxicos de materias primas críticas aprobada pola Comisión Europea, após se coñeceren informacións que cuestionan a transparencia e mesmo a legalidade do procedemento seguido para a súa selección.
Néstor Rego demandará ao executivo que esclareza se tiña coñecemento previo da incorporación da mina galega á listaxe definitiva de proxectos estratéxicos e que aclare se comprobou que o proxecto contaba coa correspondente avaliación técnica antes da súa aprobación por parte das institucións europeas.
A formación nacionalista lembra que a mina de Doade xa fora rexeitada en 2020 por mor do seu impacto ambiental, despois de que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitise un informe desfavorábel pola súa afección aos acuíferos da zona. A pesar diso, o proxecto foi presentado novamente en 2025 e figura agora entre os sete proxectos localizados no Estado español seleccionados pola Comisión Europea.
Segundo informacións publicadas recentemente polo medio alemán Table.Briefings, a mina de Doade estaría entre os once proxectos que non figuraban no borrador da listaxe europea do 20 de febreiro de 2025 e que apareceron posteriormente na versión definitiva aprobada o 7 de marzo. Un feito que, segundo denuncia o BNG, obriga a aclarar se estes proxectos recibiron ou non as avaliacións técnicas preceptivas.
“Se se confirmar que a mina de Doade foi incluída sen contar coa correspondente avaliación técnica ambiental previa, estaremos diante dunha actuación moi grave por parte da Comisión Europea que debe ser explicada con total transparencia” advirte Néstor Rego.
O BNG considera especialmente preocupante que a Comisión Europea rexeitase facilitar os informes e avaliacións técnicas solicitados por diferentes organizacións e colectivos sociais, alegando motivos de seguridade e protección de intereses económicos e comerciais.
“A opacidade coa que se está desenvolvendo este proceso é incompatíbel cos principios de transparencia e acceso á información que deben rexer calquera institución pública, tamén as europeas, especialmente cando falamos de proxectos cun enorme impacto ambiental e de espolio do noso País” sinala Rego.
Neste sentido, Néstor Rego reclamará ao Goberno do Estado que pida explicacións á Comisión Europea sobre o procedemento seguido para a selección da mina de Doade e que faga públicas todas as avaliacións e informes que sustentaron a súa consideración como proxecto estratéxico.
A organización nacionalista tamén critica a pasividade do executivo español durante o proceso. De feito, o propio Goberno recoñeceu nunha resposta parlamentaria ao BNG que non presentou ningunha obxección á lista de proxectos remitida pola Comisión Europea: “resulta incomprensíbel que o Estado non formulase reparos a un proxecto que xa fora cuestionado por un ente público como a Confederación Hidrográfica polos seus impactos ambientais”.
“O que non se pode aceptar é que, en nome da carreira armamentista da UE e da OTAN, se relaxen os controis ambientais, se limite o acceso á información pública e se vulneren os dereitos das comunidades afectadas” concluíu o deputado do BNG.