O Festival Mar de Mares regresá á Coruña co apoio da Deputación

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou na apertura da exposición fotográfica “O Mar que nos habita” de Xurxo Lobato, coa que arranca unha nova edición de Mar de Mares.

A deputada de Emprego, Indsutria e Medio Ambienteda Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou esta mañá na rúa Montoto da Coruña inauguración oficial da exposición fotográfica “O mar que nos habita”, do fotógrafo Xurxo Lobato, unha mostra coa que arranca a nova edición do Festival Mar de Mares, que conta co apoio da institución provincial. No acto participou tamén a concelleira de Medio Ambiente da Coruña e deputada provincial de Educación e Mocidade, Yoya Neira. 

A apertura da exposición, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, serviu para reivindicar a necesidade de protexer os ecosistemas mariños e de entender o océano como parte esencial da identidade, da economía, da cultura e da vida da provincia da Coruña.

O Festival Mar de Mares celebra este ano a súa XIII edición baixo o lema “Cultura que nace do océano”, cunha ampla programación que se desenvolve na Coruña do 4 ao 18 de xuño e que combina arte, ciencia, activismo ambiental, turismo azul, gastronomía, mercado e espazos de reflexión arredor da cultura mariñeira e da protección dos océanos.

Organizado pola Asociación Redes de Sal, o festival consolidouse como unha cita de referencia na divulgación e defensa do medio mariño, cunha proposta que busca reconectar á cidadanía co océano desde a cultura, o coñecemento, a participación social e a sustentabilidade.

A mostra O mar que nos habita” reúne unha selección de 18 fotografías nas que Xurxo Lobato propón unha viaxe visual e emocional pola costa galega. A través da súa mirada, o público pode achegarse á relación profunda entre as persoas e o mar, ás historias que constrúen a identidade litoral de Galicia e tamén á fraxilidade duns ecosistemas que precisan protección, coñecemento e compromiso colectivo.

Durante a inauguración, o propio autor realizou unha visita comentada pola exposición, explicando o contexto e o significado das imaxes que compoñen este testemuño documental sobre a riqueza humana e natural do litoral galego.

A exposición forma parte dunha ampla programación que inclúe actividades como o Mercado Mar de Mares no Parrote, propostas de divulgación científica, visitas vinculadas ao patrimonio portuario, encontros arredor da cultura oceánica, actividades de turismo azul e accións ambientais como a VII Gran Limpeza de Fondos Marinos.

A Deputación da Coruña apoia esta iniciativa no marco das súas liñas de traballo orientadas á divulgación ambiental, a sensibilización cidadá e a defensa do patrimonio natural da provincia. 

Rosa Ana García lembrou que, con 956 quilómetros de costa, A Coruña é a provincia española con maior extensión costeira, “o que fai que teñamos unha relación inseparable co mar, pero esa riqueza implica tamén unha enorme responsabilidade. Debemos protexer os nosos ecosistemas, reducir a presión sobre o litoral e fomentar unha cidadanía máis consciente da importancia do medio mariño”, afirmou.

Yoya Neira destacou tamén a importancia de conservar o medio mariño e felicitou á Asociación Redes de Sal pola consolidación de Mar Mares, que chega á súa decimoterceira edición como unha referencia na visbilización social deste tema, con propostas culturais e lúdicas dirixidas a todos os públicos. 

Día Mundial do Medio Ambiente

O acto coincide coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, “que na Deputación queremos ter presente os 365 días do ano”, subliñou Rosa Ana García, que destacou que unha das principais liñas de actuación da Deputación é o apoio ás asociacións e colectivos que traballan directamente na defensa, conservación e posta en valor do medio natural.

A través das súas convocatorias de subvencións a entidades ambientais, a institución provincial contribúe a facer posibles proxectos de voluntariado ambiental, sensibilización, conservación da biodiversidade, restauración de ecosistemas, recuperación de espazos degradados, limpeza de residuos en áreas naturais, reforestación comunitaria, sustentabilidade enerxética e posta en valor dos recursos naturais.

“O noso compromiso co medio ambiente pasa, necesariamente, por apoiar a quen o protexe cada día. As asociacións ambientais son un piar básico e desde a Deputación queremos que conten co respaldo e cos recursos necesarios para continuar o seu labor na nosa provincia”, sinalou a deputada.

Xunto ao apoio ao tecido asociativo, a Deputación impulsa tamén unha programaciónpropia de actividades de educación ambiental dirixida a diferentes colectivos sociais.

Entre as actividades desenvolvidas este ano figuran obradoiros infantís nos centros educativos da provincia, como “Un mar de cambios. O cambio climático na costa de Galicia”, “Coidamos o mar sen plásticos” ou “Mergullando dende a clase”, orientados a fomentar desde as idades máis temperás o coidado dos océanos, a reciclaxe e a conciencia fronte ao cambio climático.

A Deputación promove tamén iniciativas accesibles para persoas con discapacidade, como a actividade de realidade virtual “Mergullando sen nos mollar”, que permite coñecer os fondos mariños de Galicia dun xeito inmersivo e inclusivo.

A programación complétase con cursos e xornadas formativas, actividades divulgativas, roteiros interpretativos e proxectos sobre o terreo, como a Ruta das Árbores Monumentais no Pazo de Mariñán, as Xornadas Micolóxicas, exposicións itinerantes como “Golfiños na proa” ou iniciativas vinculadas á instalación de caixas refuxio para aves e morcegos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios