O Concello de Noia reabre os Xardíns de Felipe de Castro tras a finalización definitiva das obras de mellora  

O Concello de Noia vén de reabrir ao público os Xardíns de Felipe de Castro, situados na Alameda, unha vez concluídas definitivamente as obras de remodelación deste espazo emblemático da vila.

Os traballos, cun investimento de 90.000 euros financiados a través de fondos europeos, tiveron unha duración aproximada dun mes e centráronse fundamentalmente na renovación das infraestruturas existentes. Entre as actuacións realizadas destacan a reparación da rede de saneamento, a recuperación da subministración eléctrica, que se atopaba interrompida, a mellora da corrente de auga e a posta ao día de distintos servizos básicos que presentaban importantes deficiencias.

Aínda que a obra estaba inicialmente prevista para rematar o pasado 27 de marzo, o Goberno municipal decidiu non recepcionala ao comprobar que o pavimento instalado pola empresa adxudicataria non se correspondía co contemplado no proxecto aprobado nin cos requirimentos establecidos por Patrimonio. Ante esta situación, o Concello esixiu a retirada do acabado executado e a colocación do previsto inicialmente.

Hai dúas semanas reiniciáronse os traballos para executar o pavimento correcto, quedando agora rematada definitivamente unha actuación que o Concello considera prioritaria tanto pola súa localización como polo valor patrimonial da contorna.

O alcalde de Noia, Fran Pérez, destacou que “as conversas coa empresa comezaron no mesmo momento no que rematou a obra e comprobamos que o acabado non era o que figuraba no proxecto. É certo que isto supuxo unhas semanas máis de espera, pero non lle damos maior importancia”.

Este tipo de cousas pasan, e por iso é importante saber manterse firme e defender os intereses da cidadanía. A empresa entendeuno perfectamente e non houbo ningún problema”, sinalou o rexedor.

Pérez subliñou ademais que “o importante é que hoxe Noia conta cun espazo renovado, cun acabado acorde ao valor patrimonial da contorna e que responde ao que se proxectara desde o principio”.

Pola súa banda, o Goberno municipal realiza unha valoración moi positiva do resultado final da actuación, que considera plenamente integrada na Alameda e en harmonía coa estética e os materiais empregados noutras intervencións recentes da zona, como a realizada no Campo da Feira.

Coa reapertura dos Xardíns de Felipe de Castro, o Concello dá por concluída unha actuación que permitiu recuperar e mellorar un dos espazos públicos máis representativos do municipio, garantindo ao mesmo tempo o respecto polos criterios patrimoniais e a correcta execución dos fondos investidos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios