“Os socialistas estamos chamados a abrir camiño, a avanzar en sanidade, educación, pensións e dependencia, e hoxe fixamos o novo reto do estado de benestar: a vivenda, aínda que iso enfade a algunha xente”. Con esas palabras defendeu hoxe o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o que cualificou como “causas do socialismo”.
Foi durante a clausura do VII Congreso de Xuventudes Socialistas de Galicia, que esta mañá concluíu en Ourense. Alí, Besteiro chamou a seguir traballando por valores coma o feminismo e por un “emprego digno”, mais remarcou especialmente a necesidade de “montar un novo piar para esta sociedade, como é o dereito á vivenda digna para mozos, mozas e moitas familias que o precisan”.


O líder socialista animou á nova secretaria xeral de XSG, Ana Alvite, referendada como tal no congreso, a seguir liderando desde a perspectiva da mocidade o debate sobre as cuestións que preocupan á sociedade. Sinalou, en especial, a sanidade e a situación de crise que enfronta. “Ti padécela como profesional e loitarás pola sanidade que todos e todas merecemos”, díxolle. Destacou tamén que a súa Executiva “marca unha forte aposta polo consenso”.
“Estamos orgullosos do que fixestes nos últimos anos e estamos seguros de que ides medrar defendendo os nosos ideais”, afirmou respecto do traballo da anterior dirección das XSG, da que a propia Alvite formaba parte.
Besteiro tivo tamén palabras de agradecemento para o secretario xeral saínte, Xurxo Doval, “responsable de iniciativas moi positivas”, entre as que destacou “medidas realistas” como a ILP sobre o transporte público ou a oposición a Altri, “unha industria que Galicia non necesita e non quere”. “Foron propostas de sentido común”, insistiu
Valorou, por outra banda, que as Xuventudes son sempre “a bandeira e a vangarda” nas políticas socialistas.