O BNG defende ante o Goberno garantir o financiamento do IIM-CSIC de Vigo e protexer os intereses da frota galega en augas da NAFO

Carme da Silva Méndez demanda unha solución inmediata para evitar que a falta de avaliación científica poña en risco a frota pesqueira galega.

A senadora do BNG, Carme da Silva, demanda ao Goberno do Estado unha solución urxente para a situación que atravesa o equipo INMARE do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) de Vigo, responsábel desde hai máis de tres décadas da recollida e análise da información biolóxica necesaria para avaliar o estado dos recursos pesqueiros en augas da NAFO.

A formación nacionalista denuncia que o equipo científico leva tres anos privado do financiamento necesario para desenvolver esta tarefa esencial, unha situación que está a impedir a elaboración das avaliacións científicas dos stocks de bacallau e cabra de alturaen Flemish Cap e que pode ter graves consecuencias para os intereses da frota galega.

A senadora do BNG, Carme da Silva, advirte que “a falta de vontade política e a desidia dos organismos responsábeis están a poñer en risco décadas de traballo científico de referencia internacional e, ao mesmo tempo, os intereses económicos e laborais do sector pesqueiro galego”.

“O Goberno non pode mirar para outro lado mentres un equipo investigador de prestixio ve imposibilitado o seu traballo por falta de financiamento. Estamos ante unha irresponsabilidade que pode acabar pagando a frota galega cunha redución das súas posibilidades de pesca” denuncia.

Segundo explica a formación nacionalista, a ausencia desta información científica pode derivar na aplicación de criterios precautorios que supoñan unha redución dos TAC e, por tanto, unha perda de capacidade pesqueira para a frota galega que opera nestes caladoiros.

“O que está en xogo non é só un proxecto científico. Está en xogo a defensa dos intereses da pesca galega e a capacidade da nosa frota para seguir desenvolvendo a súa actividade en condicións xustas” subliña Carme da Silva.

A senadora nacionalista lembra ademais que segue sen resolverse o conflito derivado da negativa do Instituto Español de Oceanografía a renovar o convenio de colaboración co IIM-CSIC e a facer efectivo o pagamento das cantidades pendentes correspondentes ao período 2014-2017, que superan os 500.000 euros.

“O abandono institucional ao que se está sometendo o IIM-CSIC de Vigo resulta incomprensíbel. O Goberno debe asumir as súas responsabilidades, saldar a débeda pendente e garantir un marco estable de financiamento que permita ao equipo investigador desenvolver o seu traballo con normalidade” afirma.

Por todo isto, o BNG demanda ao executivo estatal que habilite de maneira inmediata os recursos económicos necesarios para que o equipo INMARE poida retomar plenamente a súa actividade investigadora, garantir a achega dos datos científicos requiridos pola NAFO e evitar que a falta de avaliacións científicas continúe prexudicando á frota galega.

“O Goberno aínda está a tempo de corrixir esta situación. O que non pode facer é seguir instalado na pasividade mentres se compromete unha investigación estratéxica para Galiza e se poñen en risco os intereses dun sector fundamental para o noso país” conclúe a senadora do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios