O Goberno local de Lugo reafirma o seu compromiso co Arde Lucus e lamenta os intentos de danar a imaxe da festa

O Goberno local quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade e confianza á cidadanía e aos colectivos que fan posible o Arde Lucus, reafirmando o seu compromiso cunha festa que é patrimonio de toda a cidade e un dos principais sinais de identidade de Lugo.

Por iso, lamenta os intentos de xerar polémicas e de danar a imaxe desta festa de recreación histórica nun momento no que todos os esforzos deberían estar centrados en contribuír ao éxito dunha edición tan especial como a do seu XXV aniversario.

Resulta cando menos sorprendente que quen foi responsable da área durante os últimos anos pretenda agora dar leccións sobre a organización da festa. A realidade é que do Arde Lucus 2025 tivo que imputar máis  de 70.000 euros de gastos ao orzamento municipal de 2026.

A este feito súmase tamén a existencia dunha factura próxima aos 4.000 euros correspondente a unha viaxe de promoción a Portugal que finalmente foi cancelada.

Noticias relacionadas Jorge Bustos denuncia a falta de Plan de Autoprotección e dirección técnica no Arde Lucus

Son feitos obxectivos que evidencian que quen deixou esta situación dificilmente está lexitimado para cuestionar o traballo que se está a realizar nestes momentos.

En relación co Plan de Autoprotección, o Goberno local dará todas as explicacións detalladas na vindeira Xunta de Seguridade, o órgano no que corresponde abordar esta cuestión técnica con rigor e responsabilidade.

A diferenza doutros, este Goberno local está centrado en resolver problemas e en traballar da man dos colectivos e asociacións para garantir o éxito do Arde Lucus. Non estamos interesados en alimentar polémicas nin en buscar escusas, senón en ofrecer solucións e en seguir fortalecendo unha festa que é motivo de orgullo para todos os lucenses.

Por moito que algúns intenten enturbiar a súa imaxe con críticas infundadas e falsidades, o Arde Lucus segue moi vivo grazas ao compromiso dos colectivos, dos participantes e de toda a cidadanía que o fai posible ano tras ano.

Comparte éste artículo
No hay comentarios