A Deputación da Coruña leva ao IES Rego de Trabe de Culleredo o programa “Forza e Mente” para promover o deporte e a saúde emocional na adolescencia

Esta primeira actividade contou coa participación de dúas referentes do deporte galego: Irene Martínez, halterófila olímpica e campioa de España, e Alba Lalín, campioa de España de rugby e psicóloga deportiva.

A Deputación da Coruña puxo en marcha no IES Rego de Trabe o programa “Forza e Mente”, unha iniciativa destinada a promover a práctica deportiva, os hábitos saudables e o coidado da saúde emocional entre a mocidade.

O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, participou na presentación daactividade, que forma parte do programa de acccións nos centros escolares co que a Deputación quere achegar aos institutos propostas que vinculen o deporte coa educación en valores, a convivencia e o benestar persoal.

Esta primeira actividade contou coa participación da concelleira de Deportes de Culleredo, Cristina Pardo, e de dúas referentes do deporte galego: Irene Martínez, halterófila olímpica e campioa de España, e Alba Lalín, campioa de España de rugby e psicóloga deportiva.

“Queremos que o deporte sexa tamén unha ferramenta educativa, que axude aos rapaces e rapazas a coñecerse mellor, a gañar confianza, a traballar en equipo e a xestionar mellor as emocións”, destacou Leira.

O programa “Forza e Mente” combina dinámicas de actividade física con contidos orientados á autoestima, á motivación, á cooperación e á prevención de condutas sedentarias. A proposta busca responder a unha realidade cada vez máis presente entre a adolescencia: a necesidade de reforzar o equilibrio entre corpo e mente nunha etapa clave do desenvolvemento persoal.

A promoción do deporte base e escolar é unha das prioridades da institución provincial, tanto polo seu impacto na saúde como pola súa capacidade para transmitir valores como o esforzo, o respecto, a igualdade e a superación.

Leira agradeceu a colaboración do IES Rego de Trabe e do profesorado participantenesta primeira actividade, e destacou que este tipo de programas permiten “levar o deporte máis alá das instalacións deportivas, incorporándoo á vida diaria dos centros educativos como unha ferramenta de formación integral”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios