O BNG de Lugo traslada ao goberno a flexibilización das condicións impostas ás asociacións veciñais á hora de realizar obras nas escolas rurais municipais

A edil Cristina López defenderá unha iniciativa na comisión de Participación «destinada a mellorar os recursos económicos das asociacións».

O BNG de Lugo trasladará á comisión municipal de Participación unha iniciativa para reclamar ao goberno «máis flexibilidade» nas condicións que se impoñen ás asociacións veciñais á hora de acometer obras nas escolas rurais municipais. A edil Cristina López lembrou que «o Goberno pretende cobrar unha taxa por obras en edificios que son propiedade do propio Concello», e engadiu «non ten sentido que melloren espazos municipais e teñan que asumir este tipo de custos».

As asociacións veciñais da zona rural veñen utilizando as escolas rurais municipais para o desenvolvemento das súas actividades. Moitas destas entidades son beneficiarias de subvencións da Xunta de Galiza destinadas á mellora destas instalacións, contribuíndo así ao mantemento e dinamización do rural. Segundo explicou Cristina López, o Grupo Municipal do BNG recibiu diversas queixas por parte destas asociacións, derivadas da decisión do novo goberno municipal de obrigalas a pagar a taxa de comunicación de obra ao executar actuacións vinculadas a estas subvencións.

O BNG solicitará na comisión que o Goberno explore todas as vías legais dispoñibles para evitar que estas entidades teñan que facer fronte a esta taxa, «facilitando así o labor social e comunitario que desenvolven no rural lucense», dixo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios