José María Fernández: “O obxectivo prioritario do noso grupo é sumar esforzos e traballo para que ningunha axuda pase de longo, poñendo os intereses de Trabada e dos nosos veciños por enriba de calquera cor política”.
Os concelleiros do PP de Trabada reivindican o traballo diario e a interlocución que se realiza coa Xunta de Galicia para garantir a chegada de fondos e investimentos ao municipio, xa que “moitas destas subvencións son froito do impulso, o seguimento e o esforzo construtivo realizado polo noso grupo”.
O voceiro municipal do PP, José María Fernández, explicou que a vocación do grupo é a de colaborar e tender pontes en beneficio dos veciños. “Ao contrario do que acontece noutras administracións gobernadas polo PSOE, onde moitas veces se poñen trabas ás axudas aos municipios de distinto signo político, no PP non actuamos así”, afirmou.
“Nós traballamos con responsabilidade para que todas as axudas posibles cheguen a Trabada, porque o único que nos importa é o benestar do noso municipio”, destacou.
Grazas a esta labor de xestión e impulso por parte do Grupo Popular, os veciños poden contar con importantes investimentos autonómicos. Entre as axudas máis destacadas atópanse máis de 57.000€ para o Plan Camiña, 30.000€ destinados á creación dun aparcadoiro de autocaravanas, 15.000€ para diversas obras municipais e 7.200€ para o servizo de socorristas, ademais de outras moitas achegas.
Ademais, desde o PP de Trabada lamentan que o alcalde non aproveitase a totalidade das ferramentas de financiamento que a Xunta pon á disposición dos municipios.
En concreto, José María Fernández confirmou que este ano o goberno local non solicitou os programas do Aprol Rural, as brigadas de incendios nin os obradoiros de emprego.
“Deixar pasar estas liñas de axuda supón unha oportunidade perdida para o desenvolvemento local, trátase de programas fundamentais para fomentar a inserción laboral e ofrecer formación remunerada aos desempregados do noso concello, ademais de ser unha axuda clave para realizar actuacións no día a día dos veciños e mellorar a seguridade”, sinalou.
Finalmente, José María Fernández reiterou o compromiso do PP de seguir traballando «con man tendida e de xeito positivo» para que Trabada non perda máis recursos e dispoña das mellores ferramentas para o seu progreso.