A Deputación da Coruña acompaña a Aspronaga na súa Festa das Familias en Oleiros

Mar García Vidal puxo en valor o traballo da entidade e o papel das familias, profesionais e persoas voluntarias na construción dunha sociedade máis inclusiva.

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou hoxe na Festa das Familias de Aspronaga, celebrada nas instalacións de Lamastelle, en Montrove, no concello de Oleiros. A xornada reuniu a persoas usuarias, familias, profesionais, voluntariado e representantes institucionais nun encontro de convivencia que é xa unha das citas máis significativas da entidade.

Durante a súa participación, Mar García Vidal destacou o labor que Aspronaga desenvolve desde hai máis de seis décadas a prol das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, cun traballo continuado no ámbito da atención, da autonomía persoal, da formación, da inclusión social e da mellora da calidade de vida.

A deputada subliñou que “entidades como Aspronaga son imprescindibles porque acompañan ás persoas e ás familias todos os días, desde a proximidade, desde a profesionalidade e desde un compromiso que vai moito máis alá da prestación dun servizo”.

Mar García Vidal afirmou que a Deputación da Coruña comparte coa entidade “unha mesma maneira de entender a política social: poñendo ás persoas no centro, reforzando os apoios comunitarios e colaborando coas entidades que mellor coñecen a realidade das familias”.

A Festa das Familias celebrouse no complexo de Lamastelle, en Oleiros, onde Aspronaga conta con centros e servizos de referencia para persoas adultas con discapacidade intelectual. A xornada serviu tamén para recoñecer o papel das familias, do persoal técnico e das persoas voluntarias que fan posible o funcionamento diario da entidade.

Mar García Vidal incidiu ademais na importancia de seguir fortalecendo a colaboración entre administracións públicas e tecido social para avanzar nun modelo de atención máis próximo, máis inclusivo e máis adaptado ás necesidades reais das persoas.

A deputada agradeceu finalmente a invitación de Aspronaga e felicitou á entidade pola organización dunha nova edición da Festa das Familias, “unha xornada para aconvivencia e o encontro, pero tamén para lembrra todo o camiño que aínda temos que percorrer para garantir unha igualdade plena e efectiva para as persoas con discapacidade intelectual”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios