O Compostela minimiza ao Badalona e achégase ao ascenso cun 3-0 no Boquete

O Compostela superou ao Badalona no partido de ida da eliminatoria final de ascenso a Segunda Federación. Os galegos adiantáronse axiña, cun centro de Valín que Marco Martínez desviou contra a súa mesma portería. Outra gran saída no segundo tempo ampliou a diferenza tras unha xenialidade de Carlos, que simplificou a finalización de Antón. O aresán, nunha tarde de máxima inspiración, fixo outra obra de arte para sentar a Marco Martínez e superar despois a Víctor no terceiro gol. O único negativo foron os protestos dunha parte da bancada contra o presidente, Agrasar, que se prolongaron até o descanso, e a lesión de Uzal.

O Compostela marca a diferenza no primeiro cuarto

Os equipos aínda estaban tomándose as medidas cando no minuto cinco, na primeira subida do Compostela pola dereita, Valín rompeu as liñas por fóra, achegouse na área á liña de fondo e o seu centro, desviado por Marco Martínez, acabou dentro da portería.
O gol deu pouso ao xogo do Compostela fronte a un Badalona ao que se lle vía a necesidade de ter o balón, pero que cando o manexaba, dáballe unha xestión improdutiva.
Aos doce minutos puido chegar o segundo gol local, nun balón á área desde a dereita. Adrián fixo o control, antes de continuar cun xute que bateu no traveseiro. Na seguinte, nunha cómoda recuperación compostelanista sobre a saída catalá no seu primeiro cuarto de campo, Carlos, Parapar e Antón montaron unha triangulación en dous metros cadrados que non rematou en gol porque o toque de ruptura do ex da U.D. Ourense foi algo forte e Víctor chapou no borde da área pequena.
No minuto 18, o Compostela saíu ben dun saque de esquina en contra. Antón recibiu a descarga polo centro, fixo o máis complicado nunha temporización e avance rodeado por rivais. Co ataque máis aberto, viu como Samuel drobráballe á súa esquerda. O capitán recibiu evitando o fóra de xogo, pero non a saída de Víctor, polo que tivo que axustar por fóra mandando a pelota ao lateral externo da rede.
No minuto 22, Carlos rouboulle a pelota a Víctor, regateouno despois na liña de fondo, pero malia estar perto do pau, non puido alcanzar de novo a pelota porque Ayala, chegando á desesperada, foi quen de botala a córner a medio metro da liña de gol.
A segundo cuarto da primeira metade foi moito máis calmo, co Badalona máis axustado, sobre todo porque minimizou as súas perdas de balón.
O único salientable foi na contra dos galegos. Uzal, que recibiu un golpe nas costelas, debeu deixar o partido. Unai, que non restou o nivel de xogo defensivo ao equipo, entrou na súa posición.

Carlos esnaquiza á zaga badalonesa

A segunda metade non puido comezar mellor grazas a unha xenialidade de Carlos. Aínda non se cumprira o segundo minuto cando, entre rivais, o de Ares baixou un balón que viña prolongado dun saque de banda de Ricki. Co balón rendido aos seus pés, deu un pase curto para Antón, o seu acompañante no ataque, que só tivo que cruzar diante de Víctor para salvar a súa estirada.
Aínda o Compostela puido facer o terceiro por unha cuestión de posicionamento. Ricki mandou á área outro saque de banda e Samuel, collendo o rexeitamento na frontal, xutou a rentes do pau.
Mikel Azparren, ex xogador do Pontevedra e agora técnico badalonñes, moveu o seu banco superada a hora de xogo. O dobre movemento deulle algún folgo nos seguintes instantes ao mellorar o talante ofensivo do seu equipo. Ao minuto, co Compostela aínda adaptándose ao novo debuxo do rival, Joaco recolleu un final de ataque perto do bico da área e xutou perto do pau da meta defendida por Álex Cobo.
No minuto 75, Carlos sacou máis brillo ao seu mellor partido cos capitalinos. Recibiu en tres cuartos e, cunha finta e un toque superou cun cano a Marco Martínez. A súa maxia deixouno fronte a Víctor e, con absoluto dominio da situación, non tremeu no disparo, que malia ser tocado polo meta, rematou coa pelota dentro da portería.
Secho Martínez, sancionado, mandou a Vecho, o seu segundo, refrescar ao equipo cunha tripla substitución. O triunfo no partido estaba garantido e había que conservar a suculenta renda para o partido de volta en Badalona.
O cadro catalán, que volveu mover o banco para o treito final do xogo, tampouco deixou constancia da súa capacidade ofensiva e non puxo en atrancos á defensa galega nos seis minutos de prolongamento.
O principal argumento morría na liña de fondo, con algúns pases a uns tardíos desmarques de Larrosa e Serrano. O máis perigoso foi un centro para Piñol no derradeiro minuto, pero Ricki estivo atento e non deixou que o atacante contactara co coiro.

O domingo debería conformase o ascenso

O Compostela achégase pola segunda vía ao obxectivo da temporada. Agora deberá facer bo o 3-0 no Municipal badalonés, onde os cataláns foron quen de igualar ante o Cornellà un revirado 4-1, que lles deu o pase para estar nesta eliminatoria final de ascenso a Segunda Federación.
O Compostela, en calquera caso, leva sen apañar tres goles desde o día de San Xosé do pasado ano, cando llos fixera o Fabril no Boquete en Segunda Federación. Nesta campaña, ningún equipo de Terceira foi quen de anotarllos.
O partido terá como dificultade engadida o calor pois está sinalado para o próximo domingo, ás 12,30 horas no Municipal de Badalona.

Ficha

DOMINGO 14/06/2026 (18,00) Campo: VERÓNICA BOQUETE DE SAN LÁZARO (3.600)
S.D. COMPOSTELA : 3 – C.F. BADALONA : 0 (1-0)

COM : Álex Cobo; Valín, Kiko, Crespo, Ricki; Parapar, Uzal (Unai 31’), Samuel (Rosón 80’), Adrián (Maceira 80’); Antón (Cañi 88’), Carlos (Goris 80’). Tre. Secho Martínez. (Banco: Graumann (g); Aarón Martinez; Zubanović; Diego Rodríguez).
BAD : Víctor; Manrique (Reche 89’), Ayala (Toni Peris 82’), Marco Martínez, De Marco (Robert Simón 82’); Diawara, Bermúdez, Larrosa, Guzmán (Piñol 64’), Joaco; Pime (Serrano 64’). Tre. Mikel Azparren. (Banco: Áxel (g); Albert; Óscar; Rico).
Goles: 1-0 Marco Martínez 5’(pp); 2-0 Antón 47’; 3-0 Carlos 76’.
Árbitro: Íñigo Hernández (Castela e León). Auxiliares: García Calvo e Carreto García. 4º árb.: Domínguez Mulas.
Disciplina: CA: Parapar 45’; Manrique 84’; Maceira 88’.

Foto: Once inicial do Compostela ante o Badalona. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios