Diego Adrián Mallo Cao, coordinador Local de UCIN Santiago e candidato á Alcaldía de Santiago de Compostela, propón a creación da Tarxeta Picheleira, unha tarxeta única destinada ás persoas empadroadas na cidade que permita unificar diferentes servizos municipais nun único soporte físico e dixital.
A nosa proposta non pretende modificar nin incumprir as condicións da nova concesión do transporte urbano xa adxudicada, senón complementala e mellorala desde o punto de vista da experiencia da cidadanía.
A Tarxeta Picheleira podería converterse no soporte persoal e identificativo da veciñanza compostelá, permitindo que cada usuario cargue nela os títulos de transporte que mellor se adapten ás súas necesidades, respectando sempre as tarifas, bonos e condicións establecidas no contrato vixente do servizo de autobuses urbanos.
Deste xeito, unha única tarxeta permitiría acceder ao transporte público municipal sen necesidade de dispoñer de múltiples soportes, facilitando a súa utilización especialmente ás persoas maiores, estudantes, persoas con mobilidade reducida e usuarios habituais.
Ademais da súa función como soporte do transporte urbano, a Tarxeta Picheleira podería incorporar progresivamente outras vantaxes e servizos municipais, converténdose nun verdadeiro carné da veciñanza de Santiago de Compostela.
Entre as posibilidades que podería ofrecer destacan:
- Utilización como soporte dos bonos do autobús urbano.
- Acceso a descontos e promocións no comercio local adherido.
- Beneficios en actividades culturais e deportivas municipais.
- Acceso preferente a determinadas actividades organizadas polo Concello.
- Participación en programas de fidelización do comercio compostelán.
- Identificación para servizos municipais específicos.
- Integración futura con aplicación móbil e carteira dixital.
Esta medida permitiría reforzar o sentimento de pertenza á cidade ao mesmo tempo que impulsa o consumo de proximidade e moderniza a relación entre a administración local e a cidadanía.
Moitas cidades españolas e europeas xa contan con sistemas semellantes que permiten integrar diferentes servizos públicos nun único soporte, simplificando trámites e mellorando a experiencia dos usuarios.
Desde UCIN Santiago consideramos que é o momento de dar un paso adiante e crear unha ferramenta útil, moderna e práctica que premie ás persoas que viven, traballan e contribúen diariamente ao desenvolvemento de Santiago de Compostela.
Porque ser picheleiro tamén debe ter vantaxes.