A competición disputarase este sábado 20 de xuño, con xornada clasificatoria ás 10.30 horas e finais a partir das 16.00 horas.
O porto de Muros acollerá este sábado, 20 de xuño, a segunda edición da Bandeira de Bateis Deputación da Coruña, que reunirá tripulacións das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e sub-23, tanto en modalidade masculina como feminina.
A proba, organizada pola Deputación da Coruña coa colaboración daFederación Galega de Remo e o Club de Remo Muros, comezará cunha xornada clasificatoria a partir das 10.30 horas e coa disputa das finais a partir das 16.00 horas. As regatas desenvolveranse sobre diferentes distancias en función da categoría: 500 metros para alevíns, 1.000 metros para infantís, 1.500 metros para cadetes e 2.000 metros para xuvenís e sub-23.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que esta cita “é unha aposta polo deporte de base e polos clubs que manteñen viva unha tradición profundamente ligada ao mar e a Galicia, como é o remo”.
O deputado incidiu tamén na elección de Muros, “que xa ía acoller o evento oano pasado, pero cedeu a sede á Pobra tras o incendio na nave do club de remo pobrense”.
Esta II edición da Bandeira Deputación da Coruña de Bateis está aberta aos clubs de remo da provincia da Coruña que desenvolven esta modalidade e que conten con licenza federativa en vigor. Cada club poderá inscribir un equipo por categoría e modalidade. A inscrición é gratuíta e debe realizarse a través da plataforma da Federación Galega de Remo antes das 12.00 horas do xoves 18 de xuño.
A Deputación entregará dúas bandeiras, unha masculina e outra feminina, aos clubs que acaden maior puntuación en cada modalidade. Ademais, as tres tripulacións máis rápidas de cada categoría recibirán medallas de ouro, prata e bronce.