Dos 26 buques gaseiros descargados en Mugardos durante 2025, 14 procederon dos Estados Unidos de América, 11 de Rusia e 1 de Angola.
A plataforma Galiza sen Gas vén de facer unha análise da importación e consumo de gas fósil –tamén chamado gas natural– en Galicia o pasado ano, tirando a conclusión de que se deron importantes pasos atrás. A plataforma critica que a Xunta de Galicia segue sen tomar en serio o necesario abandono dos combustíbeis fósiles para avanzar na descarbonización e, xa que logo, na mitigación do cambio climático, particularmente no eido do uso de gas, que debería abandonarse nos vindeiros dez anos. Máis ben pola contra, a importación deste combustíbel fósil medrou considerabelmente o ano pasado.
As entradas de gas fósil pola regasificadora creceron o 14%
As entradas de gas fósil licuado a través da regasificadora de Mugardos (Reganosa) creceron o 14% en 2025, atinxindo os 27.144 GWh (1). É a segunda cifra máis alta desde que entrou en funcionamento en 2007.
O gas licuado en barcos que chega á regasificadora foi a única forma de aprovisionamento deste combustíbel fósil en Galicia durante os últimos anos, pois non se importou gas de gasoduto. Este gas fósil licuado é aínda máis prexudicial para o clima que o de gasoduto, especialmente cando é de “fracking”.
Dos 26 gaseiros descargados en Mugardos durante 2025, 14 procederon dos Estados Unidos de América (EUA), 11 de Rusia e 1 de Angola. En 2025 os EUA substituíron Rusia como principal orixe dos metaneiros con destino a Mugardos. A maioría do gas estadounidense extraese mediante a destrutiva técnica do “fracking”.
Unha parte do gas fósil que entra en Galicia é reexportado, algo que tornou posíbel Reganosa. O gas fósil e os produtos petrolíferos obtidos na refinaría de Repsol lideran conxuntamente as exportacións galegas de enerxía final, moi por riba da electricidade ou os biocarburantes.
As centrais de ciclo combinado impulsan o aumento do consumo galego de gas fósil
A demanda galega de gas fósil medrou o 3,6% en 2025, impulsada por unha alza do 20,8% no consumo de gas fósil para a produción de electricidade nas centrais de ciclo combinado de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) (2).As emisións de gases de invernadoiro destas centrais creceron o 20,5% o ano pasado. En 2025 foron as dúas industrias de Galicia con maior impacto climático, só superadas pola refinaría de petróleo da Coruña (Repsol) (3).
Pola contra, a demanda convencional (fundamentalmente xeración de calor na industria e nos fogares) diminuíu o 4,6%, posibelmente máis por factores conxunturais que estruturais. A convencional representou o 62% da demanda total en 2025, acaparando o sector eléctrico o 38% restante.
Sen avances na planificación do fin da infraestrutura gasista
En 2025 non houbo ningún progreso na necesaria planificación do desmantelamento da sobredimensionada infraestrura galega de gas fósil(4). Pola contra, dous importantes feitos acontecidos en 2025 tenden a asegurar o seu futuro:
- A sentenza do Tribunal Supremo que avalou a legalización da impactante planta de regasificación de Mugardos, grazas á derrogación da disposición que obrigaba a manter unha distancia mínima de 2.000 m con lugares habitados.
- A promoción de proxectos de grandes plantas de produción de biometano (Laracha, Abadín, Xunqueira de Ambía,…) para a súa inxección na rede gasista. A mestura do biometano co gas fósil, que só é posíbel en moi pequenas proporcións, perpetúa a dependencia da infraestrutura gasista e axuda ao “lavado verde” do gas fósil.
Aforrar e electrificar para desgasificar Galicia
A desgasificación, como parte da desfosilización, é unha necesidade urxente no contexto de crise climática e enerxética. Neste sentido, a plataforma Galiza sen Gas considera prioritarias dúas accións:
- Aumentar a capacidade de almacenamento e de produción de electricidade limpa e adaptar a rede eléctrica para posibilitar o peche antes de 2030 das centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes.
- Impulsar un programa para a rápida substitución do gas fósil na xeración de calor na industria, nos servizos e nos fogares, mediante o aforro e a electrificación con electricidade limpa. Os gases renovábeis (biometano, hidróxeno verde), cuxo consumo debería ser local e limitado, deben reservarse para a parte minoritaria da demanda de gas fósil que non sexa posíbel reducir e electrificar.