O Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón vén de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno ordinario na que apremia ao goberno local a convocar no prazo dun mes unha reunión dos diferentes grupos da Corporación Municipal co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e a elevar o documento ao pleno para a súa aprobación inicial antes de que remate o ano.
O voceiro popular, Ángel Rodríguez Conde, remarca que a revisión e actualización do PXOM de 1994 é “imprescindible e estratéxica” para ordear o desenvolvemento de Padrón conforme á lexislación vixente e para desbloquear solo, facilitar o acceso á vivenda, atraer investimentos, protexer o patrimonio e dar seguridade xurídica á veciñanza, os propietarios, os promotores e as empresas.
Na súa opinión, en pleno ano 2026 resulta “anacrónico e prexudicial” que o Concello de Padrón teña que seguir afrontando os retos e as necesidades urbanísticas, residenciais, industriais, patrimoniais e de equipamentos “cunha ferramenta do século pasado, obsoleta e que nin sequera está adaptada aos últimos cambios lexislativos en materia urbanística”.
Neste senso, o voceiro popular lembra que a aprobación da revisión do PXOM era unha das promesas destacadas que figuraban no programa electoral co que o actual alcalde concorreu ás eleccións de 2023. Con posterioridade, no primeiro semestre de 2025 o propio rexedor salientou o progreso dos traballos técnicos do PXOM e comprometeuse a convocar no pasado mes de setembro unha reunión informativa do equipo redactor con todos os grupos da Corporación Municipal, encontro que nunca chegou a convocarse.
“Pasados xa nove meses desde esa anunciada reunión que nunca se celebrou, o silencio e a falta de transparencia volveu cinguirse sobre o PXOM, de forma que o que era unha prioridade estratéxica para o alcalde converteuse nun novo exemplo de opacidade, falta de planificación e incumprimento dos compromisos adquiridos”, explicou Rodríguez Conde.
Ante esta situación, os populares urxen ao executivo local á aprobación inicial do PXOM antes do 31 de decembro de 2026 para abrir o debate e a participación veciñal, recibir alegacións e avanzar cara un planeamento urbanístico moderno e adaptado á normativa e á conxuntura socioeconómica actual.