O Grupo Municipal Socialista defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para reclamar á Xunta de Galicia un incremento urxente do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e para esixir ao Goberno local que detalle de maneira pública e transparente cal é o plan real que pretende aplicar para reducir a lista de agarda da dependencia en Lugo.
A concelleira socialista Ana González Abelleira advertiu de que a situación da dependencia en Galicia e particularmente na cidade de Lugo “é o resultado directo de anos de abandono, falta de planificación e infrafinanciación por parte da Xunta de Galicia, coa colaboración necesaria dunha Elena Candia que prefire defender os intereses do Partido Popular antes que os intereses da veciñanza de Lugo”.
“Estamos ante un modelo no que a Xunta incumpre as súas obrigas, traslada os custos aos concellos e despois pretende presentarse como a solución a un problema que ela mesma provocou. E o máis grave é que Candia acepta esa situación con absoluta submisión política”, afirmou.
A edil socialista lembrou que Galicia continúa situada entre as comunidades autónomas que menos invisten en dependencia por persoa potencialmente beneficiaria, moi lonxe dos territorios que lideran o investimento social no Estado.
“Mentres outras comunidades superan amplamente os 2.500 e mesmo os 3.000 euros por persoa dependente, Galicia apenas alcanza os 1.490 euros. Esa é a realidade que o PP intenta ocultar tras anuncios propagandísticos e fotos de prensa”, sinalou.
Abelleira denunciou tamén que a Xunta leva anos beneficiándose do incremento das transferencias do Estado para financiar a dependencia sen que eses recursos se traduzan nun reforzo efectivo dos servizos.
“O Estado multiplicou a súa achega ao sistema, pero os concellos seguimos asumindo unha parte cada vez maior do esforzo económico. Alguén terá que explicar onde están eses fondos e por que non chegan ás persoas que os necesitan”, afirmou.
Un “plan de choque” sen garantías nin explicacións
A concelleira socialista foi especialmente crítica co denominado “plan de choque” anunciado recentemente por Elena Candia e o concelleiro Gustavo Díaz.
“Estamos diante dunha operación de maquillaxe política. Anuncian máis horas sobre o papel, pero non explican como se van prestar, con que persoal, con que medios nin como se vai garantir a atención ás persoas dependentes. O único que sabemos é que a lista de agarda segue disparada e que centos de familias continúan esperando unha resposta”, asegurou.
Neste sentido, lembrou que actualmente existen centos de persoas pendentes de acceder ao servizo e que o Goberno local segue sen aclarar que medidas concretas pensa aplicar para reducir esa situación.
“O que non pode facer Candia é utilizar titulares e anuncios grandilocuentes mentres agocha os datos reais. Queremos saber cantas persoas van incorporarse ao servizo, en que prazos, con que recursos e con que financiamento”, indicou.
Abelleira denunciou ademais que a actualización do financiamento autonómico ata os 16 euros por hora segue moi lonxe dos custos reais do servizo establecidos nos estudos da FEGAMP, que os sitúan entre os 20 e os 22 euros.
“Cada euro que falta está a saír do peto da veciñanza de Lugo. A Xunta obriga aos concellos a cubrir un déficit que lle corresponde asumir á administración autonómica. É unha práctica inxusta, insostible e absolutamente contraria ao principio de suficiencia financeira local”, afirmou.
A socialista tamén puxo o foco na situación das traballadoras do SAF, un sector altamente feminizado que soporta unha enorme carga asistencial en condicións cada vez máis difíciles.
“Falamos de preto de 200 profesionais que realizan un labor esencial e que seguen sufrindo precariedade laboral, falta de medios e ausencia de medidas específicas de protección. Non hai mellora posible do servizo se non se melloran tamén as condicións das persoas que o prestan”, explicou.
O Grupo Socialista lembra que a Xunta segue sen aprobar o Plan Estratéxico de Servizos Sociais previsto na Lei 13/2008, un documento que debería servir para coordinar e planificar as políticas sociais en Galicia.
“Levan dezaoito anos incumprindo a lei e gobernando a golpe de improvisación. A consecuencia é un sistema saturado, con listas de espera interminables e con milleiros de persoas que quedaron atrapadas nunha burocracia inhumana”, afirmou Abelleira.
A concelleira lembrou que só en 2024 faleceron 345 galegos e galegas mentres agardaban por unha valoración ou prestación da dependencia e que máis de 7.000 persoas morreron nesta situación desde 2017.
“Detrás de cada cifra hai unha persoa e unha familia. Por iso este debate non vai de administracións nin de competencias; vai de dignidade, de dereitos e de garantir que ninguén quede abandonado polo sistema”, concluíu.
A iniciativa plenaria do Grupo Municipal Socialista reclamará á Xunta a aprobación urxente do Plan Estratéxico de Servizos Sociais, a asunción do custo real do SAF, o reforzo do financiamento autonómico e a mellora das condicións laborais das profesionais do sector. Ademais, esixirá ao Goberno local que detalle publicamente as medidas concretas que integran o anunciado “plan de choque” e os prazos previstos para reducir a lista de agarda existente na cidade.