Será o 28 de xuño cun percorrido de 10km ata o Alto do Campo do Couto e a Poza dos Corvos, con vistas privilexiadas sobre a fachada atlántica.
553 metros de altitude e vistas ao Atlántico para estrear o verán no Rosal. O Concello organiza o sábado 28 de xuño unha nova andaina interpretativa pola Serra da Groba, un espazo de extraordinario valor natural e paisaxístico desde o que se desfrutan vistas excepcionais sobre a fachada atlántica. O percorrido, circular, de 10 quilómetros e dificultade moderada, ascenderá ata o Alto do Campo do Couto, o punto máis elevado do municipio, para continuar despois ata o límite co concello de Oia, na coñecida Poza dos Corvos.
A saída terá lugar ás 10.00 horas e o regreso está previsto arredor das 13.30 horas, cunha duración aproximada de tres horas e media e un desnivel acumulado de 350 metros. A actividade está dirixida a todas as persoas que non presenten problemas de mobilidade.Prepárase así unha nova cita coas andainas interpretativas, unha proposta do Concello que invita á veciñanza e ás persoas visitantes a descubrir a riqueza cultural, histórica e natural do municipio dun xeito próximo, ameno e participativo, convertendo cada saída nunha experiencia que vai moito máis aló do simple exercicio físico.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou o valor desta iniciativa que levará a todas e todos os participantes á Serra da Groba, «un tesouro que temos á porta de casa. Estas andainas son a mellor forma de poñer en valor o noso patrimonio paisaxístico e natural e de que a veciñanza e as persoas que nos visitan poidan descubrilo”.
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, salientou o potencial turístico e divulgativo das andainas interpretativas, xa que “cada saída é unha oportunidade para coñecer mellor o noso territorio e para que quen nos visita leve consigo algo máis que unhas boas vistas».
A actividade contará con prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado na web municipal ou no Rexistro do Concello. Unha vez pechada a inscrición, as persoas participantes recibirán por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida e auga, así como a declaración responsable necesaria para participar.